Imprimir

Míriam Bermúdez: Unha mostra máis da incapacidade e opacidade do goberno do PSOE: a vergoñenta emisión dos plenos

BNG Viveiro | 29 de novembro de 2020

Artigo de Opinión por Míriam Bermúdez, concelleira do BNG en Viveiro.

O avance da transparencia na xestión municipal e a aparición da pandemia da Covid19, levou a moitos concellos da Galiza a poñer en marcha a retransmisión en directo das súas sesións plenarias, mellorando considerablemente os sistemas de comunicación municipais e achegando a xestión da administración local á veciñanza nun momento clave, no que se fai máis necesario que nunca, fortalecer a confianza da poboación na xestión pública e xs seus xestorxs. Mais o goberno socialista de Viveiro segue empeñado en facer da súa marca de goberno a incapacidade, a opacidade e o desprezo polos acordos plenarios, e para exemplo e vergoña de todxs xs viveirenses, non hai máis que facer un exercicio de infinita paciencia e escoitar os plenos municipais que “emite” o concello a través da súa canle de YouTube.

Unhas bochornosas emisións plenarias que son unha mezcla de inutilidade e falta de respecto á veciñanza e mesmo aos portavoces da oposición que os representan, cunha calidade de audio e video que brila pola súa ausencia, tal e como se pode comprobar en calquera das gravacións plenarias que convirte en psicofonías as intervencións da oposición.

É posible que haxa que recordarlle á señora alcaldesa a obriga das corporacións locais de facilitarlle á veciñanza a máis ampla información sobre a súa actividade e que así o recolle o artigo 69 da Lei de Réxime de Bases Locais, igual que o dereito da cidadanía a recibir información veraz por calquera medio de difusión, recoñecido este no artigo 20 da Constitución española. Tamén é posible que o goberno que preside María Loureiro leve meses aprazando de xeito intencionado a aprobación do Regulamento Orgánico Municipal, no cal se deberá concretar o dereito de información e de participación das veciñas e veciños de Viveiro nos asuntos municipais a través dos plenos.

Resulta sorprendente que logo dun ano de aprobarse a proposta do BNG para a gravación e emisión das sesións plenarias e logo de transcurridos sete meses desde que a Covid19 nos sumerxiu nunha crise sen precedentes, o goberno municipal continúe instalado no despotismo e opacidade da súa xestión e se resista a traballar para ofrecer unha maior cercanía e información directa e fiable á súa veciñanza a través das súas canles oficiais aproveitando as facilidades que aportan as novas tecnoloxías, evitando con isto que teña que verse obrigada a desprazarse ao concello para coñecer de primeira man e en directo que asuntos e de que forma se tratan na corporación municipal de Viveiro. 

Está claro que logo de lidas, ao longo destas últimas semanas, un sinfín de novas publicadas na prensa local e na canle oficial do Concello nas que se está a trasladar á veciñanza unha información cunha visión unilateral, interesada e sesgada dos asuntos e acordos debatidos nas sesións plenarias, á incapacidade e comodismo do goberno de María Loureiro hai que engadirlle o deseño desde a alcaldía dunha estratexia política de opacidade e ocultación co ánimo de “silenciar” á oposición nos debates plenarios, tal como se puxo de relevo no último pleno deste mes onde, logo de catro horas de emisión de psicofonías, foi misión imposible escoitar algo das intervencións, entre outras, da portavoz municipal do BNG.

Esta situación gravosa para a saúde democrática do concello de Viveiro convén que mude dunha vez para sempre e canto antes, se ben o goberno municipal parece non estar pola labor e non sabemos até cando ten intención de seguir negándolle as veciñas e veciños o dereito á información veraz e directa, nen até cando ten pensado seguir poñendo atrancos para que as persoas, estean onde estean, podan seguir con todas as garantías os debates do órgano de máxima representación política de Viveiro.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/mostra-mais-da-incapacidade-opacidade-do-goberno-do-psoe-viveiro-vergonenta-emision-plenos/20201127122219001506.html


© 2021 BNG Viveiro