A veciñanza de Viveiro leva un ano agardando pola Ordenanza de Protección Contra a Contaminación Acústica

Gustaríanos lembrar que a veciñanza do noso concello e en especial a que habita no casco histórico de Viveiro, leva agardando dende o pleno celebrado en setembro de 2019 por unha ordenanza que regule a contaminación acústica. Nese pleno de setembro aprobouse a moción do BNG para Protexer e Revitalizar os Cascos Urbanos de Viveiro, que levaba implícita a elaboración dunha Ordenanza de Protección Contra a Contaminación Acústica.
Queremos recordar tamén que a Ordenanza de Acceso ao Casco, continúa pendente de resolver as alegacións presentadas polo BNG dilatando este proceso aínda máis no tempo.
Rogamos polo tanto ao equipo de Goberno de María Loureiro, que decida darlle prioridade a estas dúas ordenanzas, para lograr poñelas en vigor canto antes e así mellorar, na medida do posíbel, a calidade de vida da nosa veciñanza.