Míriam Bermúdez propón crear unha rede de Centros de Interpretación en Viveiro

"A día de hoxe o Concello de Viveiro non ten desenvolto coa contudencia que se require, inciativas para poñer en valor o gran potencial co que se conta a nivel de patrimonio histórico-cultural. Non contamos con un só centro de interpretación nin museo e non será por non ter patrimonio que mostrar", asegura a concelleira do BNG, Míriam Bermúdez.
Se quixeramos actuar seriamente non deberíamos facer uso da palabra “museo” á lixeira como ás veces se fai. A definición de “museo” está recollida na lei, a de “colección visitábel” tamén, outra cousa son os centros de interpretación do patrimonio ao que, nesta iniciativa, nos imos referir.
Viveiro pois, hoxe sen museo algún, pode pór en valor o seu patrimonio creando centros de interpretación patrimonial. Se cadra, no futuro, algún destes centros poderían dar pé á fundación dun museo.
Míriam Bermúdez puntualiza que "estes centros poderían estar instalados nalgún edificio do Casco Histórico e tamén fóra del, sempre dende unha perspectiva de rehabilitación e dinamización. Non terían que estar abertos a diario nin atendidos permanentemente. Serían visitados dentro das actividades de visitas turísticas, culturais ou escolares."
Coidamos que Viveiro tería que contar como mínimo con:
-
Un centro de interpretación patrimonial sobre a Industria Conserveira. Podería estar en Celeiro e aproveitar unha edificación que no seu día foi un dos fabriquíns de conserva.
-
Unha Casa da Imprenta, no casco antigo de Viveiro, aproveitando antigas maquinarias e que recollese a historia destes estabelecementos que no pasado existiron na vila.
-
Unha Casa do Chocolate, tamén no casco histórico, na que se poña en valor estas pequenas industrias chocolateiras.
-
Un centro de interpretación da Mina da Silvarosa. Tería que estar na parroquia de Vieiro. (A antiga escola, como xa se ten proposto, podería ser o sitio idóneo).
-
Un centro de interpretación patrimonial dedicado á Industria. (Parte da antiga escola de Chavín, hoxe Centro Social, podería servir para esta instalación)
Sendo conscientes de que o que propoñemos cómpre realizar varias xestións para obter as posíbeis axudas e subvencións doutras administracións e tamén de particulares, o BNG presenta a seguinte PROPOSTA:
- Constituír unha Comisión Especial da que fagan parte todas as forzas políticas da Corporación Municipal, asociacións e/ou persoas particulares para estudar a creación de Centros de Interpretación do Patrimonio en Viveiro.
- Realizar a primeira das reunións e a concreción destes Centros antes do remate do actual mandato municipal.
- A programación para a apertura dos Centros que se decidan sería ao longo do vindeiro mandato municipal.