Propostas do BNG para o Regulamento Orgánico Municipal

Propostas do BNG para o Regulamento Orgánico Municipal

Logo de analizar o último borrador do Regulamento Orgánico Municipal presentado polo Goberno Municipal de Viveiro, atendendo ao acordado na sesión de traballo celebrada o pasado 21 de xaneiro 2020 e á vista de que en devandito texto segue sen recollerse aspectos fundamentais propostos polo BNG xa desde a primeira xuntanza mantida no 2019, Míriam Bermúdez incide en que "considera as propostas do BNG fundamentais para a aprobación do ROM" polo que presentou novamente estas propostas que non foron consideradas nas anteriores ocasións, apesares de ser o BNG o único partido que rexistrou propostas en tempo e forma.
 

Eis as propostas do BNG para a modificación do borrador do ROM:
 

  1. INCORPORAR o seguinte parágrafo no artigo 1:

    A participación efectiva da veciñanza de Viveiro nos asuntos da vida pública local, atendendo á Lei 5/1997 da administración local de Galiza e a Lei 7/1985, reguladora das Bases de Réxime Local, contará cun regulamento específico.

     
  2. ELIMINAR o sexto parágrafo do artigo 6:

    Se algún dos concelleiros ou concelleiras electos se negase a efectuar o xuramento ou promesa ou incluíse expresións que impliquen reservas ou limitacións respecto ao seu compromiso, a mesa de idade impediralles tomar posesión do seu cargo. Poderán incluírse expresións engadidas sempre que non contradigan ou limiten o sentido do xuramento ou promesa.

     
  3. INCORPORAR o seguinte texto no artigo 10:

    Co fin de evitar a desnaturalización da vontade popular expresada nas urnas, cada lista electoral xenerará un único grupo municipal, non podendo constituirse grupos formados por concelleiras/os que proveñan de distintas candidaturas e adscribindo ao grupo mixto a aquelas que non elixan ou non podan constituir grupo. Cabe a formación de grupos municipais dun/ha membro, sempre e cando proveña dunha mesma lista electoral.

    Neste mesmo artigo haberá que ELIMINAR consecuentemente, os seguintes parágrafos:

    Integraranse, en todo caso, no grupo mixto os membros dos partidos políticos, federacións, coalicións ou agrupacións que non obtivesen un minímo de dous escanos. No caso de que non existise grupo mixto, este quedará constituído polo membro do partido político, federación, coalición ou agrupación que obtivese un só escano.

     
  4. SUBSTITUÍR no segundo parágrafo do artigo 22:

    "Poderán retransmitirse..." por "Deberán retransmitirse..."

     
  5. INCORPORAR no artigo 23:

    Propostas e prazos de presentación, no apartado de EMENDAS o texto que segue:

    Emendas. No caso de que se presentaran emendas, procederase ao debate, unha vez feita a exposición ou xustificación, pola súa orde de presentación. Neste debate poderá intervir durante dous minutos o/a relator/a da emenda e outros dous minutos o/a relator/a do ditame, proposta, proposición ou moción que se estea tratando.

    A) Se o/a relator/a manifesta a súa aceptación da emenda, concederáselles, se o solicitan, unha única quenda dun minuto aos restantes grupos e concelleiros/as non adscritos, para que expoñan a súa posición ao respecto. Finalizado o debate de cada emenda procederase á súa votación.

    No caso de que o relator/a acepte unha ou varias das emendas presentadas, abrirase unha segunda quenda de intervencións, que versará sobre o texto así emendado.

    Nesta segunda quenda non poderán tratarse cuestións que signifiquen unha reiteración de argumentos xa esgrimidos ou que non acheguen nada novo ao tema debatido.

    A quenda pecharase coa intervención de quen defendera a proposta, procedendo á votación do ditame, proposta, proposición ou moción, coa incorporación das modificacións que procedan á vista das emendas aceptadas.

    B) Se o/a relator/a manifesta o seu rexeitamento, a continuación someteranse a votación, sen máis debate, a proposta de acordo ou texto do ditame, proposta, proposición ou moción iniciais.

    C) As emendas ás proposicións e mocións, incluídas as de urxencia, non serán obxecto de votación por separado. Finalizado o debate do asunto, someterase a votación o texto da proposición ou da moción coas emendas aceptadas pola persoa que propuxo a iniciativa.

    D) Sen prexuízo do establecido neste apartado para as emendas, ao inicio do debate formal a Presidencia poderá suprimir estas quendas de intervención garantindo o pronunciamento co tempo imprescindible por parte dos grupos políticos en relación coas emendas presentadas. Neste caso, a posición sobre as emendas expresarase durante o debate do asunto.

    8) Durante a duración do debate e sempre antes do anuncio do sometemento do asunto á votación, o/a secretario/a xeral poderá dirixirse á Presidencia para que lle conceda o uso da palabra co obxecto de precisar algunha cuestión necesaria para o esclarecemento do fondo da cuestión debatida ou sobre a súa pertinencia legal.

     
  6. SUBSTITUÍR o antepenúltimo parágrafo do artigo 24 co seguinte texto:

    Artigo 24. Asuntos retirados ou sobre a mesa.

    1. Os autores ou autoras das distintas iniciativas poderán retiralas antes de que comece a deliberación do asunto correspondente, anunciando a presidencia, sen outro trámite, que o asunto queda retirado da orde do día, o que se fará constar na acta da sesión.

    2. O presidente ou presidenta poderá retirar un asunto cando a súa aprobación esixise unha maioría especial e esta non puidese obterse no momento previsto inicialmente na orde do día, ou no acordado durante o transcurso da sesión ao abeiro do artigo anterior. Neste caso, o asunto quedará automaticamente retirado da orde do día e así se fará constar na acta da sesión.

    Non obstante o anterior, se con posterioridade ao momento en que a Presidencia dispuxo a retirada do asunto puidese obterse o quórum especial indicado e ningún dos membros do Pleno asistentes á sesión se ausentase do salón de sesións, a Presidencia poderá propoñerlle ao Pleno que se pronuncie sobre o dito asunto na mesma sesión. A proposta da Presidencia será sometida a votación e se se alcanzase un número favorable de votos igual ou superior á maioría simple, o Pleno entrará a debater e pronunciarse sobre o asunto inicialmente retirado da orde do día.

    3. Calquera concelleiro e/ou concelleira poderá pedir, durante o debate, a retirada dalgún expediente incluído na orde do día co fin de que se incorporen a el documentos ou informes e tamén que o expediente quede sobre a mesa, aprazando a súa discusión para a seguinte sesión. En ambos os casos, o pedimento será votado, tras rematar o debate e antes de proceder á votación sobre o fondo do asunto. Se a maioría simple votase a favor da petición non haberá lugar a votar a proposta ou proposición de acordo.

    4. No suposto de que se trate de asuntos non incluídos na orde do día que requiran informe preceptivo da Secretaría Xeral do Pleno ou da Intervención Xeral, se non puidesen emitilo no acto, deberán solicitarlle ao presidente ou presidenta que se aprace o seu estudo, quedando sobre a mesa ata a próxima sesión. Cando a dita petición non fose atendida, o secretario ou secretaria xeral do Pleno farao constar expresamente na acta.

     
  7. ENGADIR no último parágrafo do artigo 26:

    No suposto de presentación de emendas procederase á lectura da proposta e seguidamente á lectura da emenda, debendo, a continuación, pronunciarse o propoñente sobre a aceptación ou rexeitamento da emenda. De ser aceptada iniciarase o debate do asunto coa proposta resultante da aceptación da emenda​; se o propoñente non acepta as emendas debatirase e votarase a proposta de acordo ao recollido no artigo 26.

     
  8. SUBSTITUÍR no segundo parágrafo do artigo 33:

    "No suposto de gravación das sesións plenarias..." por​ "O ficheiro resultante da gravaciñon da sesión plenaria"

     
  9. SUBSTITUÍR no primeiro parágrafo do artigo 39:

    "Só se admitirán propostas que conten cun número mínimo de 200 sinaturas" ​por "20 sinaturas".

     
  10. SUBSTITUÍR no segundo parágrafo do artigo 49:

    "No suposto de gravación das sesións plenarias..." por "O ficheiro resultante da gravación plenaria".

    Neste mesmo artigo INCORPORAR un novo parágrafo co seguinte texto:

    A acta de cada sesión publicarase na web oficial do concello ao día seguinte da súa aprobación.

     
  11. SUBSTITUÍR no segundo parágrafo do artigo 54:

    "sen necesidade de requisito de tempo mínimo entre a convocatoria e a súa celebración" por "sendo convocada, salvo asuntos urxentes a tratar, cun mínimo de antelación de 48 horas".

    Neste mesmo artigo INCORPORAR un novo parágrafo co seguinte texto:

    "as/os portavoces dos grupos políticos da corporacion poderán solicitar á alcaldía a convocatoria dunha xunta de portavoces"

     
  12. Por último:

    TRASLADAR novamente que o BNG está de acordo nos tempos de intervención e réplica e no número de mocións/rogos e preguntas propostos no último borrador do ROM.

    REITERAR o IMPRESCINDIBLE USO da LINGUAXE INCLUSIVA en todos os textos administrativos e legais redactados e aprobados no concello, incluído este ROM.
Propostas do BNG para o Regulamento Orgánico Municipal
comentarios