O PP rexeita a petición do BNG para dotar de fibra de alta velocidade o Polígono de Landrove e parroquias de Viveiro

O deputado do BNG Dani Castro, vén de presentar unha proposta para mellorar o acceso a internet de Banda Larga no Concello de Viveiro, para permitir a conexión de toda a veciñanza e empresas a internet de alta velocidade, independentemente da parroquia na que se atopen.
A proposta foi debatida na Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo do pasado 1 de outubro, na que o deputado nacionalista lembrou que as empresas asentadas no “Parque Empresarial de Landrove e moitas parroquias do concello seguen a traballar e vivir sen fibra óptica”, lembrando que “o Colexio de Primaria Galdo, que conta con máis de 160 alumnos e alumnas, non conta nin con ADSL” e pregúntase “como se vai poder exercer a teleescola nestas condicións?”. Castro tamén lembrou que ”o Polígono de Landrove segue sen fibra, pese a que o 1 de outubro de 2015 aprobouse o Plan de Banda Larga 2020”.
O proposta presentada polo BNG na Comisión vén despois de que a Concelleira do BNG de Viveiro, Miriam Bermúdez, preguntase no Pleno de febreiro de 2020 pola situación das conexións do Parque Empresarial de Landrove no que a alcaldesa do PSOE, María Loureiro, respondeu que non existía intención das empresas de telecomunicacións pola instalación da fibra neste polígono. A sorpresa chegou coa emenda presentada polo PSOE de Galicia á proposta do BNG na Comisión do Parlamento Galego, na que o mesmo partido que goberna en Viveiro agora dí na Comisión que xa existe fibra no parque empresarial de Landrove. Mais a realidade é que a conexión de Banda Larga por fibra non chega a maioría das parroquias do Concello nin tampouco se despregou no Polígono de Landrove.
O PSOE está perdido e o PP non ten intencións de melloralo
A Xunta do PP respondeu a proposta nacionalista desentendéndose do problema, culpando ao Goberno Municipal e ao Goberno do Estado de non incluír o Polígono dentro das “zonas brancas” para poder acometer as melloras. Mais Viveiro conta con 132 núcleos de poboación incluídos en “zonas brancas” nos que a Xunta pode actuar, e unha ducia deles na contorna do Parque Empresarial.
Finalmente, a proposta do BNG non se aprobou polos votos en contra do PP, deixando o polígono de Landrove e moitas das parroquias e lugares de Viveiro sen conexión a fibra de banda larga a curto e medio prazo.
Podes ver aquí a intervención de Dani Castro na Comisión do Parlamento de Galiza defendendo a proposta: