Moción para protexer e revitalizar os cascos urbanos de Viveiro

Para o BNG os espazos públicos do concello de Viveiro son elementos fundamentais da socialización e da cohesión social e por tanto deben poder ser utilizados en boas condicións por toda a veciñanza e sempre dentro dunhas normas de convivencia e respecto.
Un dos principais problemas que vén padecendo a veciñanza dos cascos urbanos de Viveiro e así o veñen denunciando as asociacións veciñais desde hai anos é a contaminación acústica, provocada por determinados locais de ocio nocturno que infrinxen sistemáticamente os horarios de peche e/ou realizan actividades non autorizadas, cuxo incumprimento esta a provocar efectos negativos na saúde da veciñanza e supón un grave prexuízo para a súa calidade de vida, porque cando o ruídos se convirten nunha constante á hora de ter que conciliar o sono, segundo xs expertxs, pasan a ser un problema crónico dando lugar a cambios de humor, mal rendemento e outros efectos a largo prazo, tales como insomnio e alteracións nas etapas do sono. E como efectos secundarios, ao día seguinte poden experimentar a fatiga, un estado de ánimo depresivo, ademais dunha disminución do estado de alerta provocando graves accidentes.
Desde o BNG cremos que o desprezo duns poucos polas normas de convivencia provoca un desequilibrio na balanza que fai incompatíbel a convivencia entre a veciñanza do casco e os intereses dalgúns hostaleiros nocturnos, provocando ademais, estes abusos e excesos, a expulsión do casco dos residentes que fartxs da lacra deste ruído nocturno acaban marchándose do centro, facendo que o casco esmoreza pouco a pouco ao ir ficando sen habitantes e coas casas baleiras e abandoadas, convertíndose nun casco decadente, sen vida e sen dinamismo.
Desde o BNG entendemos que é inadmisíbel que o goberno municipal se escude na existencia dunha normativa municipal desactualizada, como é a Ordenanza Municipal de Policía e Bo Goberno do ano 1996, para non actuar fronte a este grave problema de convivencia, xa que é obriga do concello velar en todo momento tanto pola saúde da súa veciñanza como pola do medio ambiente así como pola protección dos espazos públicos, debendo prevalecer isto fronte a aquelas actividades que están a xerar un problema de contaminación acústica nas zonas residenciais, provocando un efecto negativo ao descanso e a calidade de vida das persoas nelas residentes.
Fronte a esta realidade, o BNG insiste na necesidade de camiñar cara un modelo de vila habitábel, saudábel, segura, integradora e limpa, e volve a propoñer ao goberno municipal a adopción dunha serie de medidas para acadar este obxectivo, animando ao mesmo a que sexa máis receptivo nesta ocasión que hai uns meses cando deixaron caer en saco roto a proposta nacionalista.
Por todo o anteriormente exposto, solicitamos ao pleno da corporación local a adopción do seguinte acordo:
- Elaboración dunha Ordenanza de Protección Contra a Contaminación Acústica en Viveiro, na que se limiten as actividades xeradoras de ruído nocturno e se declaren as rúas máis conflitivas do casco histórico “zona acústicamente saturada” e intervir para mellorar a calidade acústica medioambiental nas mesmas.
- Promover e facilitar a apertura de negocios que desenvolvan actividades comerciais e económicas compatíbeis coa habitabilidade do casco.
- Planificar e ordenar os usos dos edificios do casco.
- Dotar a Viveiro de espazos culturais que garantan que a veciñanza de todas as idades poda disfrutar da música nos locais adaptados para tal uso.
- Habilitar espazos públicos, coa protección e vixiancia necesaria, para as xuntanzas de esparcemento da mocidade.
- Poñer en marcha campañas de concienciación da mocidade do uso responsábel dos espazos públicos.
- Publicación na páxina web do concello da listaxe de locais de hostalería autorizadas e tipos de licencias concedidas (bar, cafetería, café, restaurante, café-bar especial, pub...) para darlle máxima transparencia das licencias outorgadas aos locais de ocio nocturno.