Moción en contra das peaxes nas autovías galegas

Moción en contra das peaxes nas autovías galegas

O Ministerio de Fomento vén de reabrir o debate sobre o repagamento mediante peaxe das autovías de titularidade estatal, e neste sentido vén de comunicarlle a Bruxelas a súa intención de cobrar polo uso das autovías para sufragar os gastos de conservación, reiterando unha proposta que xa fora anunciada en 2018 e 2019.

Este debate abriuse despois de que as construtoras, a través do seu órgano corporativo ASEPAN, demandase este tipo de medidas para garantir contratos de concesión. Mais a medida ten tamén outras causas relacionadas co desequilibrio económico nas contas do Ministerio de Fomento a raíz de dúas decisións:

  • O rescate das ruinosas autoestradas radiais madrileñas e doutras autoestradas, con un custo para as arcas públicas de máis de 3.000 millóns de euros.
     

  • A supresión das peaxes en autoestradas nas que caduca a concesión entre 2019 e 2021, o que vai supor un custo duns 450 millóns de euros anuais.
     

Ademais, o Ministerio de Fomento tamén aprobou o ano pasado bonificacións para o transporte en determinadas autoestradas, co conseguinte incremento do gasto orzamentario e da dispoñibilidade de recursos.

Como resposta a aquel primeiro anuncio de novembro de 2018, o Pleno do parlamento aprobou un acordo en decembro de 2019, a instancias do BNG, no que manifestaba unha rotunda oposición ao establecemento de peaxes nas autovías de titularidade estatal.

Ademais do carácter regresivo e do impacto negativo que tería para as persoas usuarias das autovías, para a seguridade viaria e para a competitividade das nosas empresas, a citada medida hai que analizala no contexto da situación da rede viaria estatal en Galiza e concretamente da situación das autoestradas de titularidade estatal, a AP-9 e a AP53.

Esta proposta do Ministerio de Fomento provoca as lóxicas reaccións en contra en toda Galiza, especialmente na provincia de Lugo e na Mariña entre a cidadanía, o sector do transporte e os profesionais que desenvolven a súa actividade nas estradas e autoestradas e entre os diversos sectores económicos. O propio Ministerio xa planificou tarifas, incluso para autovías proxectadas pero aínda non iniciadas, como é o caso da A-74 Barreiros–San Cibrao, a autovía eternamente prometida á comarca da Mariña, unha comarca na que sofrimos ano tras ano incumprimentos reiterados en materia de infraestruturas, independentemente de que estas sexan responsabilidade do Estado ou da Xunta, ademais do agravio do Fiouco na A-8.

Por todo o exposto, no BNG de Viveiro sometemos a debate e aprobación no pleno os seguintes puntos.
 

  1. Amosar a rotunda oposición do Concello de Viveiro á intención do goberno central de establecer peaxes nas autovías de titularidade estatal, por considerala unha medida regresiva que establece barreiras económicas no acceso á servizos básicos como son as infraestruturas viarias, porque incrementa a inseguridade viaria e porque supón un atranco para o desenvolvemento económico e a cohesión social de Galiza.
     
  2. Dar traslado deste acordo ao Ministerio de Fomento.
Moción en contra das peaxes nas autovías galegas