Moción en demanda dos compromisos pendentes pola igualdade e dereitos das mulleres

Hai xa máis de cen anos que o movemento feminista situou o 8 de marzo como unha data internacional de reivindicación e loita pola igualdade de dereitos das mulleres. No 2022 cúmprense cinco anos desde que o feminismo galego de base comezou a impulsar mobilizacións de apoio e impulso do que coñecemos como folga de mulleres, que puxo o foco no ámbito dos coidados e do consumo alén do económico e laboral e sen esquecer a importancia vital da loita contra a violencia machista
A folga feminista xurdía coma un movemento internacional froito de varios acontecementos. Entre eles, dúas históricas mobilizacións a finais de 2016 en Polonia (contra o endurecemento da lexislación sobre o aborto) e sobre todo en Arxentina (folga impulsada polo movemento “Ni una menos” após o brutal asasinato de Lucía Pérez). Desde latinoamérica impulsouse un paro cara o 8 de marzo de 2016 que se foi estendendo a outros países, onde tiveron lugar paros tanto produtivos, como de coidados e traballos non remunerados. En Galiza houbo conexión e solidariedade con estas loitas, desde os primeiros apoios simbólicos a folgas históricas precedidas, agás 2021 por mor da pandemia e as restricións de mobilidade, de históricas convocatorias de manifestación nacional en Vigo, Lugo ou Verín.
Durante estes anos, froito da presión social e do avance do feminismo como unha prioridade para cada vez máis capas da sociedade, as institucións víronse obrigadas a reaccionar, como amosou a reapertura da sala de partos de Verín. Sen negar a importancia de avances e pasos dados neste último lustro, neste 2022 os colectivos feministas galegos de base están a apuntar aos compromisos pendentes de realización para que os sucesivos 8 de marzo non perdan o seu significado orixinal, converténdose nunha data rutineira no lugar dun motivo de reivindicación e loita.
A situación económica e social derivada da pandemia da covid-19, á que se suma a situación de precariedade e desigualdade previa, acrecentada polas decisións tomadas na crise financeira de 2008, recae de forma importante nas mulleres galegas. Segundo o último informe do Foro económico galego, de decembro de 2021, podemos constatar o maior impacto da crise entre as mulleres. Por exemplo, o 75,5% das persoas ocupadas a tempo parcial en Galiza no último trimestre de 2021 foron mulleres, o emprego temporal medra máis nas mulleres, un 13,5% fronte a tan só un 3,2% entre os homes e teñen a maior taxa de temporalidade (28,2% fronte ao 23,9% no caso dos homes). Ademais, debemos recordar que malia as declaracións de intencións, a ilegal fenda salarial segue a ser unha realidade que en Galiza supera os 4.000 euros ao ano.
Á situación de desigualdade laboral, que o incumprimento da promesa de derrogación da reforma laboral do PP por parte de PSOE e Podemos vai agravar, súmase a desigualdade derivada da falta de servizos públicos, que alimenta unha economía mergullada na que milleiros de mulleres traballan sen recoñecemento e condicións dignas. Así mesmo, seguen pendentes compromisos como a demandada ratificación do convenio 189 da OIT, que o goberno do Estado dicía ter en marcha hai un ano, máis aínda non se verificou e que é clave para a dignificación e protección das traballadoras do fogar.
No ámbito galego a Xunta de Galiza limítase a aprobar plans propagandísticos que non teñen o orzamento e seguimento adecuado, e a incumprir a súa propia lei, como amosa o feito de que nin sequera teñan impulsado o correspondente Plan de igualdade no ámbito da función pública galega ou que se neguen a cumprir a lei de igualdade e elaborar unha estatística que amose o valor para a economía galega do traballo doméstico invisible que realizan millóns de galegas e amose a desigualdade real no reparto dos tempos nos fogares. Entre outras promesas incumpridas, podemos recordar que en marzo de 2019 o BNG impulsou un acordo no Parlamento Galego para o impulso de cláusulas de igualdade que o Partido Popular non pon en marcha. Así mesmo, desde hai anos reivindicamos a elaboración dunha nova Lei de igualdade que substitúa a 7/2004, para adaptala á realidade do século XXI e ás demandas do movemento feminista atendendo, de maneira específica, ao fomento da corresponsabilidade. A Xunta aproveitou o 25 de novembro de 2021 para prometer que reformaría aspectos, mais a día de hoxe nin se coñecen propostas nin hai un traballo de diálogo e participación co feminismo e coas organizacións sindicais.
Neste 2022 as mobilizacións arredor do 8 de marzo deben servir para sermos conscientes das cuestións pendentes e inaprazables da axenda feminista. Por estes motivos, desde o Bloque Nacionalista Galego queremos recoñecer o papel do feminismo galego e instar ao cumprimento por parte das administracións dalgunhas das máis urxentes.
É por todo o exposto con anterioridade, polo que o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego somete a debate e aprobación polo Pleno deste Concello esta moción, propondo a adopción dos seguintes ACORDOS:
- Demandar da Xunta de Galiza o cumprimento do compromiso incumprido desde marzo de 2019 de impulsar cláusulas de igualdade na contratación pública galega contemplando, a partir do diálogo coas organizacións sindicais e sociais, as seguintes medidas: diagnose, planificación para a posta en marcha e mecanismos de avaliación, así como unha comisión responsábel do seguimento do proceso, un informe anual, unha partida orzamentaria para sufragar a implantación e o impulso aquelas modificacións legais oportunas para blindar legalmente a obrigatoriedade da inclusión deste tipo de cláusulas na contratación pública galega.
- Demandar da Xunta de Galiza a elaboración dunha nova Lei de igualdade que substitúa a 7/2004 para adaptala á realidade do século XXI e ás demandas do movemento feminista atendendo, de maneira específica, ao fomento da corresponsabilidade.
- Demandar do goberno central que non siga demorando a tramitación da ratificación do convenio 189 da OIT (Organización Internacional do Traballo) e atenda as demandas dos colectivos de traballadoras do fogar para avanzar na súa dignificación e protección.
- Demandar do goberno central o aumento dos recursos destinados á inspección laboral e a súa transferencia á Comunidade autónoma galega. Así mesmo, demandar da Xunta de Galiza o impulso da creación dun corpo específico de inspección laboral que teña competencia para realizar inspeccións aleatorias.