Moción para a creación de ciclorúas en Viveiro

Moción para a creación de ciclorúas en Viveiro

O BNG de Viveiro vén de presentar a súa moción para un Viveiro ciclábel á veciñanza, incluíndo a todos os grupos políticos, asociacións e colectivos onde en xeral mostráronse moi recepcionistas á idea, afirma Míriam Bermúdez, "presentámola con anterioridade con fin de que fagan as súas engádenas e suxerencias para lograr xuntas a coexistencia de bicicletas con outros vehículos no municipio."

Míriam Bermúdez asegura “non se trata dunha moción máis na que facer un suposto carril-bici e deixalo aí, trátase de facer toda unha rede ciclista, de cambiar o rol da bicicleta en Viveiro por completo dándolle a máxima das prioridades. Nunca se presentou en Viveiro proposta parecida".

A moción do BNG inclúe os seguintes puntos:

  • Creación de ciclorúas, limitando as zonas urbanas do Concello a 30km/h, sinalando claramente a preferencia ciclista coa obrigatoriedade de circular polo centro do carril. Esta medida de circular polo centro do carril está comprobado que aumenta drásticamente a seguridade dos ciclistas convertíndoo nun vehículo máis con plenos dereitos e preferencias, fainos máis visíbeis, fai que os vehículos que os adiantan respecten mellor as distancias, evíta accidentes contra vehículos aparcados que abren a porta ou saen do estacionamento, etc.
     

  • Dotar de aparcabicicletas os lugares públicos e de gran afluencia do concello, visíbeis, iluminados e que permitan atar a bicicleta ao cadro da mesma. Posíbeis ubicacións: centro de saúde, inicio avenida de cervantes, avenida de Ferrol, paseo marítimo, zonas escolares, praias… Os actuais aparcabicis só permiten candar a roda facilitando moito o seu roubo.
     

  • Permitir amarrar libremente as bicicletas e patíns en farolas e árbores sempre e cando non se dificulte a mobilidade peonil.
     

  • Pintar zonas avanzadas de espera para ciclistas nos semáforos do concello. Estes espazos permitirían aos ciclistas situarse diante dos vehículos detidos nos semáforos en vermello.
     

  • Crear unha comisión de seguemento e estudo co fin de seguir ampliando os viais de preferencia ciclista e a creación de carrisbici ao longo de todo o concello. Permitirase a participación aos membros das asociacións interesadas (veciñais, deportivas…) do municipio así como a cada grupo politico.



Míriam Bermúdez destaca que “no BNG estamos á escoita de quen queira facer as súas aportacións para engadir a esta moción” e afirma que poden contactar coa formación nacionalista polo medio que máis lle conveñan, como pode ser a través das redes sociais do BNG, escribíndo un correo electrónico a [email protected]m ou contactando con calquer membro da formación nacionalista.

Moción para a creación de ciclorúas en Viveiro
comentarios