Moción para beneficiar aos territorios produtores de enerxía eléctrica co abaratamento da mesma

Moción para beneficiar aos territorios produtores de enerxía eléctrica co abaratamento da mesma

O pasado 9 de Marzo do 2021 o Consello de Ministros, a proposta do MITECO, aprobou o Real Decreto polo que estabelece a metodoloxía que, xunto coas peaxes do sistema fixadas pola “Comisión Nacional de los Mercados y de la Competencia” (CNMC) na circular 3/2020 conforman a parte regulada da factura eléctrica de cada consumidor ou consumidora.

Esta reforma, xa prevista para o ano 2020 e demorada pola pandemia, entrou en vigor o pasado 1 de xuño. Dende o BNG consideramos que esta norma xera un impacto negativo nos consumidores e consumidoras, danos colaterais importantes que deberán levar á reconsideración desta norma, sobre todo tendo en conta que afecta a importantes sectores da poboación que xa están sufrindo as graves consecuencias derivadas do forte impacto económico das restricións impostas pola loita contra a COVID-19.

Este é o caso do consumo doméstico e nomeadamente daquelas persoas consumidoras adheridas xa con anterioridade ao sistema de discriminación horaria. Na Galiza hai máis de medio millón de fogares adheridos a esta modalidade  que verán como a súa factura experimenta un aumento que pode chegar a superar o 30%.

Así mesmo, debe destacarse o impacto que ten en determinadas actividades económicas cunha forte implantación na Galiza como son as pequenas explotacións gandeiras, xa que os horarios do período punta da tarifa coinciden con tarefas de alto consumo enerxético. Se observamos o perfil típico dunha explotación gandeira, veremos que o 40% do consumo concéntrase entre as 8h e as 13h pola mañá e as 18 e 23h pola tarde, xusto o período punta, polo que o incremento medio na factura será de máis do 40%. No país existen máis de dez mil explotacións afectadas por este cambio e sen alternativa posíbel.

De igual forma, outros consumidores cun perfil de consumo semellante ao descrito, como é o da hostalería, xa duramente golpeado pola pandemia, e o resto de PEMES, sufrirán igualmente as consecuencias, pois as súa actividades desenvólvense necesariamente durante as horas de maior custo da enerxía. Todo isto nunha Galiza que exporta electricidade.

Para rematar, queremos facer fincapé en que non resulta lóxico acometer un cambio normativo deste calibre sen ter en conta outros aspectos da composición da factura cuxo peso é relevante e cuxa necesaria revisión demándase tamén dende amplos sectores da sociedade, como son o importe do imposto especial da electricidade e o tipo de IVE que debe aplicarse, sendo a electricidade un ben de primeira necesidade e non un luxo.

 

Por todo o exposto, o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego de Viveiro somete a debate e aprobación polo Pleno esta moción, propondo a adopción dos seguintes ACORDOS:

 
  1. Trasladar ao Goberno central o rexeitamento por parte do Concello de Viveiro da súa política enerxética por contribuír ao incremento da factura eléctrica dunha parte importante das e dos consumidores domésticos e de sectores vulnerábeis, singularmente os cambios aplicados a partir do 1 de xuño de 2021.
     
  2. Instar ao Goberno do Estado a abrir un novo proceso para unha regulación da tarifa eléctrica baixo as seguintes premisas:

    a) Reducir os impostos que gravan o consumo de enerxía eléctrica, singularmente a eliminación do imposto especial da electricidade e a redución do tipo aplicado no imposto de valor engadido até o 4%.

    b) Beneficiar aos territorios de produción de enerxía eléctrica compensando o forte impacto ambiental e social derivado da súa produción a través dun abaratamento dos prezos.

    c) Modificar a Lei 24/2013, do sector eléctrico, de maneira que o prezo da electricidade se estipule en función dos custos de xeración de cada tecnoloxía.
Moción para beneficiar aos territorios produtores de enerxía eléctrica co abaratamento da mesma
comentarios