Moción en apoio ás reivindicacións do feminismo galego con motivo do 8M

Moción en apoio ás reivindicacións do feminismo galego con motivo do 8M

Este 8 de marzo de 2021 as mulleres facemos folga en Galiza porque se algo demostrou a pandemia da covid-19 e esta crise sen precedentes é a importancia da nosa forza para soster o presente, pero tamén a profunda desigualdade do sistema económico e social, que debe ser contestado e transformado a través da mobilización e do feminismo.

A pandemia fixo visíbel o papel esencial das mulleres para o sostemento da vida e aqueles traballos esenciais para a sociedade. Estes empregos están ocupados maioritariamente por mulleres e son, ademais, os máis precarios e invisibilizados, moitos deles mesmo sen cobertura legal. As caixeiras, as limpadoras, as traballadoras domésticas, as coidadoras de diferentes ámbitos, as sanitarias, etc foron visíbeis no comezo desta crise e aparentemente recoñecidas social e institucionalmente. Porén, un ano despois as súas condicións laborais, económicas e sociais non melloraron, senón ao contrario. Hoxe estes sectores sofren un maior impacto pola precariedade das súas condicións, a carencia dun sistema público de servizos básicos forte e a falta de medidas por parte da Xunta e do goberno central, que se poñen de perfil aliñándose cun sistema patriarcal e inxusto.

A crise da covid-19 deixou en Galiza unha destrución de 21.000 empregos dos que 15.900 estaban ocupados por mulleres. Así mesmo, a fenda salarial malia ser ilegal continúa a superar o 20% e ten tamén o seu correlato na fenda das pensións, cobrando as pensionistas galegas unha media de 300 euros menos. Unha situación agravada por esta crise, que continuará empeorando de non tomarse medidas contundentes encamiñadas a que a reactivación económica e social non se desenvolva a costa das mulleres, un camiño para o que é imprescindíbel a dignificación do marco laboral coa derrogación total das reformas laborais de 2010 e 2012 e das reformas das pensións de 2011 e 2013.

Na Galiza pre-covid de hai un ano o feminismo galego tomaba as rúas baixo o lema “sen coidados non hai vida” e a pandemia demostrou o seu acerto. Porén, un ano despois a situación non mellorou e hoxe son máis as mulleres precarizadas e as que tiveron que asumir de balde traballos de coidado que deberan estar cubertos polos servizos públicos. A actual crise ten un impacto enorme en sectores amplamente feminizados (coidados, servizos, comercio, sanidade, alimentación...) e foron os sectores protagonizados por mulleres os que máis riscos asumiron respecto da súa propia saúde pola falta de medidas. Así mesmo, a violencia contra as mulleres segue presente e hai un enorme retroceso na súa visibilidade, ademais de enormes dificultades para romper coa espiral de violencia derivadas das restricións sanitarias e das dificultades para acceder a servizos e ter contacto social. 

O feminismo galego impulsou no noso país unha resposta social sen precedentes que inzou as rúas os 8 de marzo dos anos anteriores, precedidas de históricas mobilizacións nacionais en Verín, Lugo, Vigo e Santiago de Compostela desde que no ano 2017 se fixeron as primeiras convocatorias de apoio á folga internacional, emanada de Latinoamérica. Neste 2021, por circunstancias sanitarias, as mobilizacións serán necesariamente locais ou comarcais e máis reducidas, pero coa mesma fortaleza e contundencia. Por estes motivos, desde o Bloque Nacionalista Galego entendemos que corresponde ás institucións escoitar e recoñecer os debates que o feminismo galego está a colocar na axenda social e comprometer os nosos esforzos en corrixir as desigualdades que se agravan na Galiza de 2021.

Cómpre dar unha forte resposta a esta situación. Non podemos permitir que a pandemia sexa a coartada para conxelar avances sociais nin para retroceder nos nosos dereitos. Esta crise non a imos pagar as mulleres. Hoxe, as que sostemos o presente imos saír ás rúas e facer folga para cambiar o futuro, para construír un futuro de igualdade, liberdade e feminismo.

Por todo o exposto propoñemos ao Pleno do Concello de Viveiro acordar:
 

  1. Expresar e recoñecer as convocatorias do feminismo galego autoorganizado que neste 2021 colocan no centro do debate os coidados e as consecuencias para as mulleres galegas do sistema económico, social e político no que vivimos, agravadas polo impacto da pandemia da covid-19 ,que demostrou como a vida non podería sosterse sen coidados que se desenvolven en moitas ocasións de forma gratuíta ou a través da precarización de moitas mulleres, e expresar o compromiso desta corporación para traballar contribuíndo a superar esta situación.
     
  2. Demandar do goberno central o aumento dos recursos destinados á inspección laboral e a súa transferencia á Comunidade autónoma galega. E da Xunta de Galiza o impulso da creación dun corpo específico de inspección laboral que teña competencia para realizar inspeccións aleatorias para testar a existencia ou non de discriminacións por razón de xénero.
     
  3. Instar á Xunta de Galiza a asumir as súas competencias en materia de atención á dependencia. Mentres tanto, e en canto estas competencias sexan exercidas nunha parte fundamental polos concellos galegos, incrementar nomeadamente o financiamento que achega ao sostemento do Servizo de Axuda no Fogar para cubrir o custe real da prestación do servizo así como a modificación da actual normativa para que as empresas que vulneren os dereitos laborais e salariais das traballadoras non poidan concorrer aos procesos de licitación.
Moción en apoio ás reivindicacións do feminismo galego con motivo do 8M
comentarios