Míriam Bermúdez solicita ao Resurrection Fest a instalación de focos permanentes en Lavandeiras

A concelleira e portavoz municipal do BNG, Míriam Bermúdez, púxose en contacto coa organización do Resurrection Fest para que valore a posibilidade de contribuir dotando dun novo servizo o campo de Lavandeiras, en Celeiro.
En concreto, Míriam Bermúdez traslada á organización do festival a posibilidade de que as torretas de iluminación, que tenden a instalar ano tras ano no campo de Lavandeiras, se faga de forma permanente con estruturas resistentes e estables. “Desta forma, o campo de Celeiro podería contar con iluminación permanente ao longo do ano para calquer práctica deportiva e outros eventos, incluso restar tempos de montaxe e desmontaxe ao festival quedando este recinto máis tempo dispoñible para a veciñanza,” incide Míriam Bermúdez, quen tamén destaca “beneficios para a organización do festival, pois aforraríase montaxe e desmontaxe anual destas torretas de iluminación.”
O BNG propuxo á organización do Resurrection Fest facerse cargo da instalación destos focos de gran tamaño, baixo un acordo que se asinaría co Concello de Viveiro para que a administración municipal se encargue do proxecto, xestións e mantemento das mesmas. Míriam Bermúdez non ten nin a máis mínima dúbida de que será unha iniciativa beneficiosa para todas as partes.
Tamén cabe recordar que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo gobernada polo BNG e con Efrén Castro como deputado de deportes, está en trámites para dotar de vestiarios o campo de fútbol de Lavandeiras, estudando e consensuando a ubicación exacta coa organización do Resurrection Fest e a asociación deportiva Celeiro Club do Mar, para que todos poidan desfrutar dos mesmos. Do mesmo xeito que se pensa na organización do festival para acomodar estes vestiarios, pídese agora a súa colaboración con estas luminarias.