Míriam Bermúdez insta a María Loureiro a sentarse coa veciñanza para negociar os Orzamentos Municipais 2021

Míriam Bermúdez insta a María Loureiro a sentarse coa veciñanza para negociar os Orzamentos Municipais 2021

O BNG de Viveiro urxe ao goberno municipal a axilizar os prazos para a negociación dos orzamentos municipais de 2021 que, según xs nacionalistas, deberan ser nestes momentos unha das prioridades principais da alcaldesa socialista a fin de, entre outras, incluír nos mesmos medidas e axudas directas para os sectores máis afectados pola pandemia e as restricións impostas, como son a hostalaría, o comercio ou o turismo.

Desde a organización nacionalista afean ao goberno do PSOE que, a escaso mes e medio do remate do ano, os grupos políticos da corporación de Viveiro non teñan noticia algunha de cal é o proxecto de orzamento municipal para o 2021 do goberno local que dirixe María Loureiro.

A portavoz do BNG, Miriam Bermúdez, demanda que para o 2021 o concello estude a posibilidade da bonificación da recollida de lixo nun 50%, a exención das taxas do uso da vía pública para a instalación de terrazas e a rebaixa do IBI dos alugueiros de locais comerciais, e reclama que as futuras liñas de axuda dirixidas aos sectores afectados pola crise da Covid19 -que vén anunciando a rexidora municipal na prensa local desde hai meses pero que ninguén sabe nada delas- sexan negociadas co tecido económico e empresarial de Viveiro, tal é como xa propuxeran meses atrás xs nacionalistas, para que a futura convocatoria de axudas directas que se poñan en marcha desde o Concello atenda á realidade das súas necesidades e non deixe atrás a ninguén, como así sucedeu co actual fracasado Plan municipal de reactivación económica local.

Destaca tamén a portavoz nacionalista, as vantaxes e a axuda que suporía para as familias e empresas viveirenses dispoñer dun Plan Tributario Municipal Personalizado, pero que se nega a poñer en marcha o goberno socialista, no que se podería estabelecer unha bonificación na cota íntegra dos impostos municipais e ao que poderían adherirse de xeito voluntario, a veciñanza que o desexa sen ningún tipo de interese e cunha bonificación do 3% sobre a cota tributaria. Un plan de pagos individualizado que lles facilitaría ás familias e empresas o pago dos seus impostos atendendo a súa economía e liquidez, podendo elexir o pago mensual, bimestral, trimestral, semestral ou anual dos seus tributos municipais.

Finalmente a portavoz municipal do BNG fai un chamamento ao Goberno e á Alcaldía, para que se senten a negociar canto antes o Orzamento 2021 coa veciñanza de Viveiro representada  polos grupos políticos da corporacion, e co tecido económico,  sociocultural, veciñal e deportivo para consensuar un plan de rescate da actividade empresarial, comercial e social de cara a contribuír, en coordinación coas administracións autonómica e estatal, ao rescate das familias e á reactivación da  economía local.

Míriam Bermúdez insta a María Loureiro a sentarse coa veciñanza para negociar os Orzamentos Municipais 2021
comentarios