Iniciativas do BNG para o pleno de xuño

04 xuño 2021 - 10:04
O BNG de Viveiro presenta para o vindeiro pleno do 9 de xuño o seguinte:
Mocións:
- Solicitamos crear unha área de autocaravanas na finalización do paseo fluvial do Landro, en Portochao, un lugar que require pouco investimento ao contar xa cun aparcadoiro acondicionado, auga potábel e lixo.
- Moción para a rotunda oposición á intención do goberno central de estabelecer peaxes nas autovías de titularidade estatal, por ser unha medida regresiva que pon barreiras económicas no acceso a servizos básicos.
Rogos e preguntas:
- Tras as habituais manobras do Goberno de María Loureiro para ocultar información, exiximos celebrar comisións mensuais até acadar a reapertura do matadoiro municipal, pois consideramos imprescindible coñecer en detalle as xestións tras a evidente falta de control nas contratacións externas por parte do Concello.
- Seguen sen coñecerse os criterios que emprega o goberno de María Loureiro para conceder as subvencións a entidades sen ánimo de lucro, criterios que afirma ter pero que até as propias entidades descoñecen. Polo que demandaremos que estes criterios sexan públicos, si é que existen, para coñecemento de todas e todos.
- Rogamos que os servizos técnicos revisen os paneis informativos do municipio e se reparen todos aqueles que o precisen, como é no caso dos paneis do xardín arqueolóxico do Valado onde hai catro que nin conservan o seu texto.
comentarios