A improvisación do PSOE de Loureiro constátase, en especial, no mantemento de estradas

Foto: Estrada municipal en Boimente
A improvisación do PSOE de Loureiro constátase, en especial, no mantemento de estradas

O mantemento de estradas municipais que vén desenvolvendo o Goberno de María Loureiro, evidencia que é realizado sen ningún tipo de planificación de traballos para o mantemento correctivo, de mellora do firme e de rehabilitación da rede viaria, sen contar cun plan de traballos de mantemento preventivo que contemple a limpeza das beiravías, limpeza dos sinais verticais, mantemento de barreiras de contención vehicular ou, entre outros, a limpeza das marxes e labores de roza de todas as estradas de titularidade municipal. Unha total falta na planificación de actuacións e de previsión dos recursos. É claramente visíbel que só se actúa baixo demanda social ou cando xa é tarde e o problema non se pode obviar.

O Concelleiro de Medio Ambiente, Obras e Medio Rural, Jesús Fernández Cal, afirmou que se viña “respectando ano tras ano unha mesma planificación que só se altera por causas excepcionais", para a continuación dicir que eran falsas as palabras do BNG cando afirmamos que o “mantemendo de estradas municipais de Viveiro só se aplica baixo denuncia pública”. Xustificación que deu, o señor Cal, sen aportar dato ou documento algún do suposto Plan municipal que di seguir.

A concelleira do BNG, Míriam Bermúdez, deixou en evidencia ao Concelleiro de Obras poñendo como exemplo o abandono da parroquia de Boimente, onde só se actuou 2 días despois despois da denuncia do BNG en pleno xunto coas da veciñanza por redes sociais e prensa, levándose a cabo as tareas de mantemento despois de meses coas estradas sen visibilidade pola maleza e incluso un derrube sobre a estrada. Derrube que bota por terra as palabras xustificadoras do Concelleiro de Obras sobre o mantemento e planificación de estradas, pois o derrube aínda continúa sen sanearse a día de hoxe.

“A demanda social é imprescindíbel”, afirma Míriam Bermúdez, quen anima á veciñanza a "denunciar de forma visíbel esta deixadez. Pois xa son numerosas as fotos e artigos en redes sociais e prensa que revalidan as palabras do BNG. Xa é hora de rematar con tanto desleixo.”

Míriam, despois de escoitar en pleno as palabras do concelleiro Jesús Fdez Cal, solicitou no Rexistro Municipal a información sobre esa planificación municipal que dixo que seguian, poñéndo explícitamente na folla de rexistro:
 

No pasado pleno de setembro presentabábamos dende o BNG un rogo oral relacionado coas labores de roza que se teñen desenvolto recentemente na parroquia de San Andrés de Boimente.

Tendo en conta as declaracións do concelleiro de obras no pasado pleno do 6 de outubro en relación ao rogo presentado por este grupo no pleno anterior e que se transcribe literalmente:

"vense respectando ano tras ano unha mesma planificación que so se altera por causas excepcionais".

Tendo isto en conta, solicítase:

“Se nos facilite toda a documentación referida a esa "mesma planificación" que inclúa o suposto calendario de actuacións de desbroce para o mantemento de estradas no Concello de Viveiro".

 

Para non variar e como é habitual neste goberno a resposta foi negativa, tentando así ocultar a súa incapacidade con opacidade, actuan desta maneira pola ausencia de feitos que reafirmen e constaten as súas palabras.

Míriam Bermúdez di “non entendemos esta insistencia do goberno de María Loureiro en non aceptar propostas, está claro que o seu modelo de goberno non está funcionando, é preciso que María Loureiro rectifique a súa postura contraria ao Plan de Mantemento de Estradas Municipais que presentamos hai xa dous anos. Estamos dándolles o traballo feito e calquera se pode equivocar, pero para avanzar é necesario aceptar os erros e aceptar propostas positivas para Viveiro.”

Está é a resposta que nos deron para denegar dita información por segunda volta, dun suposto plan municipal público:
 

Primeiro. Desestimar a solicitude presentada pola concelleira Dª Miriam Bermúdez García, en representación do Bloque Nacionalista Galego no Concello de Viveiro, en relación coa documentación solicitada referente á planificación das labores de roza.

Segundo. Notificar o presente acordo á interesada, con expresión dos recursos que legalmente procedan contra o mesmo.

Terceiro. Esta resolución pon fin á vía administrativa, resultando recorrible potestativamente mediante a interposición de recurso potestativo de reposición ou directamente mediante a interposición de recurso contencioso - administrativo. Tamén poderá exercer a reclamación establecida no artigo 24 da Lei 19/2013 de 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

A Alcaldesa-Presidenta. Asdo.: María Loureiro García.
A Secretaria. Asdo.: María Luz Balsa Rábade.

A improvisación do PSOE de Loureiro constátase, en especial, no mantemento de estradas
comentarios