Área de Deportes da Deputación financiará vestiarios e servizos de auga e luz no campo de Lavandeiras

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo gobernada polo BNG, colaborará na reforma do campo de fútbol das Lavandeiras atendendo unha reivindicación histórica da parroquia de Celeiro.
O deputado de Deportes, Efrén Castro, ratificou o compromiso para cofinanciar a renovación destas instalacións deportivas, nunha reunión mantida esta mañá no Pazo de San Marcos co Concello de Viveiro e coa directiva do Celeiro Club Do Mar. A área de Deportes achegará 40.000 euros para financiar a actuación demandada polo club local de dotar o campo de Lavandeiras das condicións necesarias para adestrar e xogar, concretamente unha zona de vestiarios e servizos de auga e luz.
O nacionalista Efrén Castro comunicou: “hai meses mantivemos unha reunión con Celeiro Club do Mar na que xa manifestaramos a nosa disposición a colaborar. No encontro desta mañá ratificamos o noso compromiso en base a un proxecto e un orzamento concreto, coa obriga de elaboralo o Concello de Viveiro e que require tamén da implicación da Xunta de Galiza”.
“Agardamos que este acordo supoña un impulso definitivo de cara a execución das obras, que dotarían Celeiro dunhas instalacións propias e acondicionadas para a práctica deportiva desde as categorías de base”.