"Dadme dos semanas, Aspanane" artigo de opinión por Míriam Bermúdez

"Dadme dos semanas, Aspanane" artigo de opinión por Míriam Bermúdez

O BNG vén de reunirse este martes con Aspanane para coñecer de primeira man o estado actual dos trámites para a consecución dunha residencia para persoas con discapacidade intelectual, que implicaría ser a primeira en ofrecer este servizo na comarca, así como a xeración de novos postos de traballo no Concello de Viveiro.

Preguntarase a veciñanza de Viveiro como están de avanzadas as dilixencias para este proxecto. A resposta é tan simple como lamentable: non hai nada.

En verdade, a situación está bastante peor que hai máis de dous anos, cando sospeitosamente antes das eleccións municipais e autonómicas o Concello, a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia festexaban a viva voz na prensa un triplo acordo para financiar a reparación dun inmoble do cal ningunha das partes tiña a propiedade. O Colexio Vello de Celeiro pertence á TXSS do Estado.

Tras os malentendidos entre Concello e Xunta sobre quen tiña que realizar a solicitude de cesión do citado inmoble, e a posterior negativa da TXSS a cedelo, o equipo directivo de Aspanane decidiu solicitar por rexistro o 24/03/21 unha reunión conxunta coas tres partes implicadas así como co delegado do goberno.

Con todo, a directiva de Aspanane leva oito meses agardando por esa reunión e que os gobernos lles mostren unha vontade real por cooperar en conxunto para buscar alternativas e solucións que vaian máis aló de palabras que non se materializan.

“Dadme dos semanas” convertiuse na frase trending topic de María Loureiro. A máis escoitada pola asociación Aspanane, que manifesta a súa frustración e desánimo despois de case 3 anos agardando e sufrindo as consecuencias dunha cadea de despropósitos que parece non ter fin:
 

  • Unha TXSS que se nega a ceder o Colexio Vello de Celeiro baleiro e en desuso para trasladar a EOI preto de onde está na actualidade.
     
  • Un Delegado do Goberno que non se sentou coa directiva de Aspanane a pesar da solicitude de reunión que presentaron os directivos o 13/07/2021.
     
  • Unha Consellería de Educación que non reclama o Colexio Vello como propio.
     
  • E unha alcaldesa sen interese nin habilidades para axilizar os trámites.
"Dadme dos semanas, Aspanane" artigo de opinión por Míriam Bermúdez
comentarios