O BNG de Viveiro parabenízase pola aprobación, no Pleno da Deputación, dunha moción solicitando un terceiro xulgado para Viveiro

Míriam Bermúdez recorda que “a violencia machista non é unha materia pendente únicamente da Xustiza, no noso programa incluimos a elaboración dun Plan Municipal de Igualdade, no que abordamos a importancia da de educación na mocidade e adultos, a igualdade laboral ou o asociacionismo.”
A moción presentada polo BNG, demanda este terceiro Xulgado para disponer dunha xustiza áxil e moderna, con recursos suficientes. O terceiro xulgado para Viveiro (que atende a 45.000 habitantes de O Vicedo, Ourol, Viveiro, Xove, Cervo, Burela e Foz) permitirá desconxestionar a Xustiza e é unha ferramenta imprescindíbel na loita contra a violencia machista, que permita dar unha resposta e protección inmediata ás mulleres vítimas, xa que moitas denuncias quedan no camiño pola dilatación no tempo destas.
A candidata á alcaldía de Viveiro, Miriam Bermudez, indica que “estamos a dar os pasos necesarios para lograr o tan demandado terceiro Xulgado e precisámolo para poder garantir unha xustiza de calidade. Reclamámolo o pasado 26 de abril e vimos da man dxs traballadorxs da Xustiza como, pese ao gran esforzo e profesionalidade, non hai recursos suficientes. Neste sentido, o 30 de abril foi aprobada unha moción no Pleno da Deputación de Lugo presentada polos deputados do BNG que permitirá dispor dos recursos e espazos necesarios, pois xa existe a cesión de locais anexos que hoxe están inutilizados. Sen embargo, as mulleres vítimas seguen agardando sentadas nunha sala sen acondicionar, chea de informes, para non cruzarse cos seus agresores. Confiamos en que co traballo e apoio de todas e todos esta situación mude próximamente."