BNG en contra da mobilidade xeográfica que propón a conserveira Albo

Unha representación do Bloque Nacionalista Galego acompañou hoxe ás traballadoras da Conserveira Albo en Celeiro na manifestación que discorreu desde a fábrica até a estatua do Náufrago en homenaxe á Xente do Mar. A portavoz municipal Míriam Bermúdez, o responsable comarcal Antonio Veiga e o deputado mariñao Daniel Castro entrevistáronse coas traballadoras e Daniel Castro avanzou a presentación dunha iniciativa no Parlamento para instar á Xunta a implicarse neste problema para atopar solucións.

Para o BNG a mobilidade xeográfica que propón a empresa non é unha alternativa válida, nin tampouco para a gran maioría das traballadoras ás que se lles traslada o centro de traballo a 270 km do seu domicilio.
“Son 42 persoas, a inmensa maioría mulleres, o que provocará un agravamento do desemprego femenino, pois a dificultade de reinserción no mercado laboral para as traballadoras desta conserveira é grande” afirmou Daniel Castro, que tamén se referíu a situación do emprego na comarca, donde na última década se perderon mais de mil empregos directos, agravado recentemente polo peche de Vestas, tamén en Viveiro e a situación de incerteza en Alcoa.
Por todo isto, os nacionalistas instarán á Xunta e ás Consellerias de Economía, Industria e Innovación e a de Promoción do Emprego e Igualdade a que tomen parte na solucion deste conflito para conseguir a continuidade da actividade na fábrica de Celeiro e mantendo todos os postos de traballo.
