O BNG demanda un terceiro xulgado de primeira instancia e instrución para Viveiro

A cabeza de lista ao Congreso, Maite Ferreiro, xunto coa candidata á alcaldía de Viveiro Miriam Bermúdez visitaron os xulgados de Viveiro
Na mañá de hoxe, a cabeza de lista do BNG ao congreso, Maite Ferreiro, xunto coa candidata á alcaldía de Viveiro, Miriam Bermúdez, visitaron os xulgados de Viveiro e reuníronse cos [email protected], que ao igual que a sociedade viveirense e mariñá demandan solucións á saturación nos órganos xudiciais.
Os xulgados de Viveiro están entre os mais saturados de Galiza, teñen dous órganos xudiciais para atender a máis de 45.000 habitantes (Ourol, O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela e Foz) e o Xulgado número 1 ten, ademais das competencias ordinarias as de Rexistro civil, e o Xulgado numero 2 funciona tamén como Xulgado de Violencia sobre a Muller, polo que a creación dun terceiro Xulgado de Primeira Instancia e Instrución axudaría a desconxestionar a grande cantidade de pleitos que tramitan a diario os dous órganos xudiciais viveirenses.
Maite Ferreiro comprometeuse a plantexar esta vella demanda ante o novo goberno do Estado que resulte das eleccións xerais do 28 de abril, e afirmou que “a provincia de Lugo e A Mariña veñen sufrindo durante varios anos un abandono total por parte dos gobernos do Estado en materia de administración de xustiza, o que é especialmente grave no tema das denuncias de mulleres por malos tratos, polo tanto é moi urxente e necesario dar solución a este problema”
No mesmo sentido pronunciouse Miriam Bermúdez, que tamén asegurou que “o terceiro Xulgado de Primeira Instancia e Instrución é imprescindible para Viveiro, e a traballar para a súa consecución é e será un dos obxectivos no noso traballo municipal”.
Esta demanda vai ser debatida tamén no pleno que a Deputación de Lugo que se celebrará o próximo martes 30 de abril, que segundo afirmou o deputado provincial mariñao Antonio Veiga, vai ser traslada alí en forma de moción, agardando que todos os grupos políticos mostren o seu apoio á mesma.