BNG e ASPANANE reúnense tras a resposta do goberno español referente á cesión da escola vella de Celeiro

BNG e ASPANANE reúnense tras a resposta do goberno español referente á cesión da escola vella de Celeiro

A portavoz do BNG en Viveiro, Míriam Bermúdez e o deputado parlamentar, Daniel Castro, reuníronse na tarde do luns coa directiva de Aspanane para poñer en común a resposta remitida pola Secretaría de Estado de Relacións coas Cortes á pregunta feita polo deputado do BNG no Congreso dxs deputadxs, Néstor Rego, sobre o estado de tramitación da cesión da escola vella de Celeiro á Consellería de Educación da Xunta e ao Concello de Viveiro.

En dita resposta, trasládanse por parte da TXSS dúas comunicacións claras:

  1. En canto aos trámites de cesión da titularidade do colexio vello de Celeiro, confírmase que dito procedemento non foi enfocado como lexislativamente ten cabida, pois afirma a TXSS: “considérase que a figura xurídica procedente para a utilización do “ Colexio Vello” pola Comunidade Autónoma, para o desenvolvemento de actividades propias da súa competencia, é o alleamento por adxudicación directa, tendo en conta que supón a transmisión da propiedade do inmoble, con plena dispoñibilidade do mesmo, o que non ten lugar, por outra banda, mediante a súa cesión que, segundo a normativa patrimonial vixente no ámbito da Seguridade Social só contempla a cesión de uso, sen a cesión da propiedade.”
     

  2. Segundo en referencia ao convenio a tres bandas (Xunta-Deputación-Concello) que non ten efecto en canto á cesión do mesmo, pois: “En canto ao triplo acordo entre a Xunta de Galicia, o Concello de Viveiro e a Deputación de Lugo ao que se alude, indícase que, un acordo no cal se adopta unha decisión sobre un inmoble alleo, sen o coñecemento do seu propietario nin intervención do mesmo, non pode ter efecto algún para a  TGSS nin supoñer, por tanto, unha obrigación para o devandito Servizo Común.”

 

Tendo en conta os datos que aporta a TXSS, o BNG de Viveiro rexistrou xa o pasado 13 de marzo unha serie de preguntas para seren contestadas pola alcaldía en relación ao trámite de cesión, xa que o concello, como administración implicada, debería ser coñecedor desde novembro do 2020 que non é posible a cesión como estaba prevista.

Cal é a posible nova proposta por parte da TXSS e que actuación ten realizado o Concello para enfocar este proceso de maneira axeitada para non perder máis tempo, tal e como se vén facendo desde que en marzo do 2019 a alcaldesa anunciaba nos medios de comunicación:

"Este sábado es un buen día para todos los vecinos de Viveiro y de la zona por varios motivos: porque se va a hacer realidad la tan esperada residencia de Aspanane, porque se va a mantener la EOI en el ayuntamiento y porque se va a rehabilitar la antigua Escola de Celeiro".

Por outra banda, o BNG no Parlamento Galego presentará unha pregunta na comisión correspondente para obter información clara e concisa do proceso en relación aos trámites que lle corresponden á Xunta de Galiza, así como tamén e de novo no Congreso a través do deputado Néstor Rego, de cales son as actuacións que a TXSS está tramitando actualmente para conquerir debandito proceso e cal é o motivo polo que non se tramita unha cesión gratuita do inmoble dacordo co apartado 4 do artigo 107 da Lei da Seguridade social que especifica: "Os bens inmobles do patrimonio da Seguridade Social que non resulten necesarios para o cumprimento dos seus fins, e respecto dos cales non se considere conveniente o seu alleamento ou explotación, poderán ser cedidos gratuitamente para fins de utilidade pública, cando neste proceso se cumpre o obxectivo de ofrecer un servizo público."

Míriam Bermúdez: "xa é hora de que todas as partes responsables deste bochornoso acordo dean explicacións á veciñanza, pidan desculpas e se senten a negociar, con luz e taquígrafos, todas as partes implicadas para buscar unha solución."

BNG e ASPANANE reúnense tras a resposta do goberno español referente á cesión da escola vella de Celeiro
comentarios