Ana Pontón insta a nacionalizar ALCOA e a pór en marcha unha tarifa eléctrica

Pontón urxe á Xunta e ao Goberno Central a buscar solucións que impidan o peche de ALCOA e pregunta onde está Feixóo, que perigando miles de postos de traballo aínda non se reuniu cas traballadoras e traballadores de San Cibrao.

Ana Pontón insta a nacionalizar ALCOA e a pór en marcha unha tarifa eléctrica
Unha delegación do BNG encabezada pola portavoz nacional, Ana Pontón, participou en Viveiro na manifestación convocada polos traballadores e traballadoras de ALCOA-San Cibrao contra o peche da factoría e a perda de centos de postos de traballo.

Pontón afirmou que a solución para a ALCOA é “a nacionalización e unha tarifa eléctrica” e insistiu en que hoxe é máis necesaria que nunca a “vontade política” para salvar miles de empregos de toda A Mariña ante o anuncio de peche dunha fábrica vital para o futuro desta comarca.

A día de hoxe, dixo, hai máis  534 traballadores e traballadoras en risco aos que hai que sumar os das empresas auxiliares que suman outros tantos. Resulta “un escándalo” que nin o Goberno Galego nin o Central defendan unha alternativa viábel cando esta alternativa existe, “nacionalizar a fábrica e xunto a esa intervención pública, unha tarifa eléctrica galega que nos permita poñer fin ao espolio desta enerxía”, recalcou. Pontón asegurou que resulta inconcibíbel que con tanta riqueza eléctrica en Galiza teñamos o futuro desta comarca pendente pola enerxía.

Por outra parte a concelleira do BNG de Viveiro, Míriam Bermúdez, pregúntase "a que xogan" os Gobernos do PP na Xunta e o do PSOE no Estado, "están a botar balóns fóra mentres que máis de 20.000 persoas se manifestan polas rúas de Viveiro exixindo solucións."

Feixóo non se reúne cos traballadores e traballadoras de ALCOA

A nacionalista explicou que na actualidade contamos cun marco eléctrico que puxo en marcha o Partido Popular e non foi modificado polo Partido Socialista, a pesar “das súas promesas”. Feijóo, engadiu Pontón, “leva desaparecido en combate desde que sabemos que a comarca da Mariña ten en risco o seu futuro” e non entendemos como o Presidente da Xunta, o candidato do Partido Popular, leva dez días sin reunirse cos traballadores e traballadoras desta comarca. “Que hai máis urxente que defender o emprego? Qué hai máis importante que defender unha factoría que representa o 30% do PIB e miles de postos de traballo?" preguntou.

A portavoz do BNG comprometeuse a defender o futuro de ALCOA cunha “intervención pública entre a Xunta e o Estado e unha defensa dun novo marco enerxético” no que todos os galegos e galegas teñamos garantida unha tarifa que rebaixe o prezo da enerxía. En Euskadi o lendakari Urkullo defendeu esa tarifa mentres en Galiza, “Feixóo vetou a tarifa durante estes anos, a pesar de ser unha solución para os traballadores da Mariña e para moitas empresas do noso país”, concluíu.

Ana Pontón insta a nacionalizar ALCOA e a pór en marcha unha tarifa eléctrica
comentarios