Ana Pontón: “Un goberno liderado polo BNG non vai deixar caer ALCOA”

Nesta presentación da lista por Lugo, Pontón salientou o compromiso das persoas que a integran na defensa de Galiza e de Lugo: “aquí e agora esa defensa ten un nome propio: ALCOA San Cibrao."
Ana Pontón: “Un goberno liderado polo BNG non vai deixar caer ALCOA”

A portavoz nacional, Ana Pontón, pediu na presentación da candidatura en Lugo unha gran mobilización na vindeira cita electoral de todas as persoas que queren un cambio real para abrir un tempo novo en Galiza o 12X: “é urxente conseguir un cambio galego que permita facer avanzar e darlle un futuro á maioría social que quere vivir e traballar na súa terra, e se todas as persoas fartas de ver como co PP Galiza vai a menos nos mobilizamos, o cambio galego será imparable e Lugo terá un papel decisivo”.

Nesta presentación da lista por Lugo, Pontón salientou o “compromiso” das persoas que a integran na defensa de Galiza e da provincia de Lugo: “aquí e agora esa defensa ten un nome propio: ALCOA-San Cibrao”, reiterando o seu compromiso de que un Goberno liderado polo BNG “non vai deixar caer ALCOA”. “Se PP e PSOE non teñen alternativa nin vontade política para salvar a factoría, o BNG si, e esa alternativa pasa pola nacionalización e por unha tarifa eléctrica galega”, recalcou.

Nacionalización a través dunha intervención pública, “legal, posible e imprescindible”, como se está a facer por parte de Alemaña e reiterou o seu convencemento de que se a factoría en vez de estar na Mariña de Lugo estiveran en Madrid “a solución xa estaría sobre a mesa”. “Non podemos permitir un novo agravio, só fai falta vontade política e amor por este país para salvar ALCOA e o BNG ten as dúas”, subliñou.

Ao lado da nacionalización, un prezo xusto da enerxía cunha tarifa eléctrica galega que acabe co espolio enerxético, para que a electricidade deixe de ser “un festín para que uns poucos se fagan de ouro” e pase a servir para darlle futuro a Galiza e manter miles de empregos. “Ás portas dunha crise sen precedentes, con miles de traballadores e traballadoras en ERTE ou na cola do paro, permitir que se perdan empregos polos custes enerxéticos cando somos ricos en electricidade é, simplemente, inmoral”, denunciou.

Ana Pontón advirte ao presidente da Xunta que Galiza que a desescalada non é unha “carreira” para ver quen se apunta o tanto de chegar antes anunciando o fin do estado de alarma senón unha cuestión “moi seria”. “Unha pandemia que tivo e sigue a ter un custe enorme en termos sanitarios, económicos e sociais require respostas co máximo de rigor e responsabilidade por parte do Goberno da Xunta, explicou a candidata á Presidencia, e prosigue dicindo “que sentido ten anunciar o fin do estado de alarma sen que iso se acompañe dun protocolo, de normas claras? Esta caendo na mesma improvisación que reprochou ao Goberno do Estado estes tres meses: que vai pasar coas escolas infantís, que vai pasar cos aforos en locais públicos e privados, que vai pasar coa xestión dos centros de día, coas actividades lúdicas e de ocio propias do tempo estival que moven a miles de persoas.”

Pontón fixo un chamamento a todas as persoas que queren un cambio real para que o fagan posible mediante unha gran mobilización nas urnas o 12X arredor do BNG: “é urxente conseguir un cambio galego que permita facer avanzar e darlle un futuro á maioría social que quere vivir e traballar na súa terra, e se todas as persoas fartas de ver como co PP Galiza vai a menos nos mobilizamos, o cambio galego será imparable”.

A candidata á Presidencia cualificou de “excepcional” a próxima cita coas urnas e reiterou o chamamento á mobilización: “imos amargarlle a noite electoral a Feixóo e abrir un tempo novo en Galiza, fagámolo posible”.

Ana Pontón: “Un goberno liderado polo BNG non vai deixar caer ALCOA”
comentarios