María Loureiro tamén en contra dun Plan de accesibilidade para Viveiro

A pesares de que toda a corporación admitíse que un Plan de Accesibilidade é máis que necesario para o Concello de Viveiro, o proxecto non saiu adiante polos votos dos partidos do co-goberno, co psoe de María Loureiro en contra e as abstencións de Por Viveiro.
María Loureiro tamén en contra dun Plan de accesibilidade para Viveiro

A concelleira do BNG, Míriam Bermúdez, ten clara a súa posición: “é necesario un Plan de Accesibilidade como ferramenta de xestión e sensibilización. Non podemos pedir que a sociedade se conciencie cando a institución non o está", afirmou despois de ver como a moción non saía aprobada aínda despois de que toda a corporación admitira a súa necesidade, "non é comprensible cando hai tanto que facer neste eido, isto é a mostra do grande camiño que queda por diante para sensibilizar sobre a igualdade de oportunidades e dereitos humanos en materia de accesibilidade no noso concello”.

Viveiro continuará sen un Plan de Accesibilidade do que se beneficiarían máis de 15 mil persoas que viven no municipio, a veciñanza da comarca, así como turistas e visitantes. Por sorte, si existen concellos sensibilizados que contan con este plan dende hai anos e que aproveitaron fondos e convenios para levalos a cabo, como Feder, Xunta, Deputacións, Imserso, Once… algúns deles executando na actualidade unha terceira fase do plan, mais non é o caso de Viveiro.

Dende o 2013 que María Loureiro está na alcaldía, nunca se solicitaron fondos para a elaboración do devandito Plan, polo que non existe ningún estudo cun diagnóstico da situación actual do concello. Este estudo permitiría planificar nesta materia establecendo criterios obxectivos e axustados á realidade, para dar resposta ás necesidades máis prioritarias. Porén, o goberno local asegura contar cunha planificación, descoñecida para todas e sen ter ningún estudo integral feito ao respecto, sendo o argumento principal de María Loureiro: “cómpre ser realista e priorizar”. Dende o BNG preguntámonos en que nivel de prioridades está a accesibilidade para este goberno cando estamos falar dun dereito humano.

Con todo, non foi a falta de financiación o motivo de que o PSOE votase en contra. A exposición de motivos do BNG provocou unha actuación lamentable por parte da alcaldía e das concelleiras de Cultura e Benestar Social, Lara Fernández e Victoria Baamonde respectivamente, deixando unha vez máis de manifesto a falta de seriedade, rigor e respecto coa que adoita actuar o goberno municipal, dedicándose a increpar á nosa concelleira interrompéndoa de xeito constante mentres falaba, nun intento de xustificar que son suficientes as poucas accións puntuais que o goberno ten levado a cabo e negándose en todo momento a escoitar á concelleira do BNG: "as poucas medidas que se tomaron son válidas, mais non aportan unha solución a nivel integral nin se axustan a criterio ningún, e polo tanto non dan resposta ás grandes carencias do concello en materia de accesibilidade", afirmaba Míriam Bermúdez no pleno.

Dende o BNG de Viveiro lamentamos que unha proposta en positivo que ofrece a ferramenta necesaria para falar dun Viveiro Inclusivo, coa que contan os concellos sensibilizados dende hai anos, a tomaran como un ataque çe fora desbotada por un exceso de ego do equipo de goberno en detrimento da veciñanza.

María Loureiro tamén en contra dun Plan de accesibilidade para Viveiro
comentarios