Imprimir

O BNG proponlle ao goberno municipal aplicar unha taxa municipal ás eléctricas

BNG Viveiro | 13 de Xaneiro de 2018

Os nacionalistas cren que co incremento dos ingresos do concello de Viveiro pola aplicación da taxas ás grandes eléctricas, o goberno municipal podería dotar de maiores recursos o fondo de emerxencia social municipal

O BNG de Viveiro anuncia que van solicitarlle ao goberno que encabeza a socialista María Loureiro, que realicen os estudos e xestións necesarias para a adaptación e actualización da taxa pola utilización ou aproveitamento do dominio público local polas empresas titulares da instalación de transporte de enerxía eléctrica, gas ou hidrocarburos nos termos das sentenzas do Tribunal Supremo que así o avalan.

Xs nacionalistas recordan que Lei Reguladora das Facendas Locais estabeleceu en 2004 que as empresas eléctricas, de gas, de auga e hidrocarburos están obrigadas a pagar unha taxa fixada por un informe técnico-económico por atravesar o dominio público local, aínda que non os subministren. Malia esa habilitación legal, e unha vez se aprobaron ordenanzas reguladoras para fixar esa obriga de xeito concreto, as empresas non aboaron nunca dita taxa, amosando belixerancia e conflitividade xudicial contra as entidades locais que a impulsaron, negando uns recursos lexítimos ás entidades locais necesarios para poder afortalar os seus servizos.

Os fallos xudiciais contrarios a Unión Fenosa, Gas Galicia e Red Eléctrica e as sentenzas do Supremo aclaran expresamente que é legal a pretensión dos concellos de gravar a utilidade que lle reporta ás empresas a utilización privativa ou o aproveitamento especial do solo que forma parte do dominio público para unha actividade netamente industrial e avalan o cálculo das tarifas da taxa de acordo cun estudo técnico-económico, situándose a cota a pagar entre 3.000 euros e 12.000 euros por metro lineal no caso das instalacións de transporte eléctrico e no que atinxe ás de transporte de gas, entre os 500 euros e os 4.000 euros.

Dende o BNG cren que co incremento dos ingresos do concello de Viveiro pola aplicación da taxas ás grandes eléctricas, o goberno municipal podería dotar de maiores recursos o fondo de emerxencia social municipal para garantir as necesidades básicas das persoas e familias viveirenses en situacións de vulnerabilidade económica grave e urxente que lles impide, por exemplo, facer fronte ao pago do suministro da luz, auga e ou gas.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/bng-viveiro-proponlle-ao-goberno-municipal-maria-loureiro-aplicar-taxa-municipal-electricas/20180113202419000661.html


© 2018 BNG Viveiro