Imprimir

O BNG alerta sobre o perigo que supón o abandono de varios inmobles de Viveiro e Covas

BNG Viveiro | 12 de Xaneiro de 2018

Edificio de Seiramar, Covas
Edificio de Seiramar, Covas

​Demandamos ao goberno municipal adoptar as medidas preventivas de seguridade e salubridade necesarias na contorna de Seiramar e do Serra, co fin de eliminar o perigo existente

Vimos de rexistrar no concello un escrito dirixido ao goberno de María Loureiro, para esixirlle adoptar medidas preventivas de seguridade e salubridade ao longo de todo o perímetro dos edificios de Seiramar (Covas) e do Serra (Pontelabrada-Viveiro), para dar protección e velar pola seguridade dos viandantes que frecuentan estas zonas. Son obxecto de preocupación na veciñanza destas contornas cuxas queixas nos fixeron chegar debido ao lamentábel estado de abandono no que se atopan estas edificacións.

Logo de comprobar o estado de abandono e deterioro destes inmobles, cremos que efectivamente existe un perigo real para os transeúntes e que de non poñerlle solución inmediata, pode chegar a provocar traxedias polos posibles desprendementos de elementos deteriorados das fachadas, ademáis de ser uns perigosos focos de insalubridade, dado que se converteron nun niño de infeccións, insectos e ratas.

Dende o BNG de Viveiro temos claro que é responsabilidade do concello adoptar as medidas preventivas necesarias, por conta dos propietarios. Medidas que deben traducirse en por exemplo, na instalación de mallas de seguridade nas fachadas dos edificios para evitar posibles desprendementos, e/ou valados ao longo das zonas perimetrais destes edificios.

Entendemos que o goberno municipal debe pedir os informes técnicos municipais correspondentes sobre estes inmobles, comprobar se se dan as condicións para a declaración de ruína e proceder conforme establece a lei nestes supostos. De non darse as condicións, deberan requerirlle aos propietarios a execución de obras de reparación, conservación e mantemento dos mesmos coas debidas condicións de seguridade, salubridade e ornato conforme ao establecido na Ordenanza Municipal de Policía e Bo Goberno do concello de Viveiro.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/bng-alerta-do-perigo-varios-inmobles-poden-ser-perigo-par/20180112102823000634.html


© 2018 BNG Viveiro