Imprimir

Ana Pontón acudiu a Viveiro a presentar as Bases Democráticas para unha nova Galiza

BNG Viveiro | 12 de Xaneiro de 2018

Ana pontón e o resto da militancia, en Viveiro
Ana pontón e o resto da militancia, en Viveiro

A portavoz nacional do BNG mantivo diversos encontros na Mariña o pasado 15 de decembro e presentou as Bases Democráticas para Galiza no Conservatorio de Viveiro, ateigado de xente

A portavoz nacional e parlamentar do BNG, Ana Pontón, visitou A Mariña o pasado venres 15 de decembro para manter diversos encontros con diferentes sectores coa finalidade de analizar as diversas problemáticas que afectan á comarca. Reuníuse coa Xunta de Persoal do Hospital da Costa e tamén coa Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña, así mesmo que mantivo un encontro cos axentes sociais e económicos para falar das Infraestruturas que a Mariña precisa.

No acto celebrado no Conservatorio de Viveiro,  presentáronse as Bases Democráticas para unha nova Galiza. Xunto con Ana Pontón, participaron neste acto a responsable comarcal Ana Ermida, Montse Porteiro da executiva comarcal e membro da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña, e @s viveirenses Miriam Bermúdez e Seve Salgueiro, que lle plantexaron á portavoz nacional, diversas cuestións que afectan á comarca. Do mesmo xeito, trasladaron as súas inquedanzas moitos dos asistentes ao acto, relacionadas coa situación de abandono de moitas infraestruturas como as estradas N-642 e N-634, o desmantelamento do Feve, ou a falta de compromiso do Estado e da Xunta para acometeren a autovía e/ou rematar o corredor. Pero sen dúbida o tema máis tratado foi a sanidade, asistentes ao acto trasladáronlle a Ana Pontón a sua gran preocupación pola situación na que se atopa a atención sanitaria na comarca, debido a implantación da xestión centralizada en Lugo e que agora pode verse agravada coa supresión da Área Sanitaria da Mariña que contempla o anteproxecto de reforma da Lei de Saúde que pretende aprobar o PP.

“O PP ten unha folla de ruta para privatizar e desmantelar a sanidade pública ameazando un dereito á saúde que levou moito tempo conseguir, esta contrarreforma sanitaria implica afondar nos recortes de servizos no Hospital da Costa, que presta atención a toda a comarca da Mariña”, indicou Pontón en relación ao proxecto de reforma da Lei de Saúde do Goberno de Feijóo.

A dirixente do bloque advertiu dos efectos de afastar a prestación sanitaria da poboación, que no caso da Mariña implica a derivación de pacientes ao Hospital de Lugo que está a 100 quilómetros de distancia, que claramente vai en contra do dereito á saúde, pois o factor proximidade é clave para garantir a calidade”.

“Hai moitos problemas, pero estamos ante un Goberno cuxa única preocupación é desmantelar a sanidade pública a favor de intereses privados que pretenden facer negocio coa saúde das persoas. Hai un descontento crecente, e dende o BNG imos facer unha campaña intensa de información, concello a concello, porta a porta, para frear este roubo da sanidade pública, cando paradóxicamente o que se precisa son melloras no sistema público de saúde”, indicou. “Imos plantarlle cara a esta contrarreforma traballando man a man co persoal sanitario, coas plataformas en defensa da sanidade pública, coas persoas afectadas e con todos os colectivos sociais que loiten por un sistema público de saúde de calidade”, recalcou nunha xuntanza na que tamén estivo a deputada por Lugo, Olalla Rodil, e responsables locais e comarcais do Bloque.

Pontón anunciou a presentación dunha emenda de devolución a proxecto de reforma da Lei de Saúde de Galiza remitido polo Goberno que, con toda probabilidade, se debaterá no Parlamento a mediados de febreiro.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/ana-ponton-presentou-bases-democraticas-do-bng-viveiro/20180112115710000636.html


© 2018 BNG Viveiro