Reunímonos coa plataforma "Salvar a Praia de Covas" para impulsar unha solución definitiva ao gravísimo problema do areal

Dende o BNG denunciamos que o Concello non esixa a Costas unha solución coa contundencia que debera

Reunímonos coa plataforma "Salvar a Praia de Covas" para impulsar unha solución definitiva ao gravísimo problema do areal

A eurodeputada do BNG Ana Miranda, acompañada polos membros do BNG local e comarcal, mantivo una xuntanza coa plataforma “Salvar a Praia de Covas” para coñecer en primeira persoa a preocupante situación que está a padecer a veciñanza de Covas.

Durante a reunión, analizáronse posíbeis fórmulas de colaboración entre a organización nacionalista e a plataforma e impulsar así unha solución definitiva ao gravísimo problema de degradación que está sufrindo paulatinamente o areal, zonas públicas e as vivendas cercanas á raíz, principalmente, dos espigóns de Celeiro e de entrada á ría, que precisan dunha correcta avaliación ambiental, e o establecemento e execución das medidas de protección e correctoras precisas neste ámbito.

Na reunión destacouse a falta de entendemento entre Portos de Galiza e Costas do Estado, que so acudiu nunha ocasión a tapar un furado que provocara o mar fai anos no paseo marítimo, pero que no de agora eses furados multiplicaronse pola falta de mantemento, provocando que a base do paseo esteña erosionada e vai afectando ás vivendas, que xa rexistran vibracións e grietas. Tamén falamos do saneamento da ría, que está a deteriorar gravemente a calidade da auga da praia.

Esta é a segunda reunión que mantemos coa plataforma, un ano despois de que a deputada parlamentar Olaia Rodil e membros do BNG local e comarcal acudiramos para escoitar as reivindicacións da plataforma, tralas que o BNG presentou no Parlamento Galego a demanda para realizar un estudo de dinámica litoral e instouse a Xunta as medidas urxentes para o trasvase de area.