O PSOE de Viveiro en contra de facilitarlle o pago de impostos á veciñanza

O PSOE de Viveiro en contra de facilitarlle o pago de impostos á veciñanza

A posta en marcha dun Plan de pago personalizado de impostos municipais presentada polo BNG no pleno deste mes, foi rexeitada cos votos en contra do Goberno Municipal do PSOE ao consideraren que a veciñanza non precisaba deste plan de pago de impostos á carta posto que, según o Concelleiro de Facenda, Jesús Fernández, a veciña ou veciño que ten dificultades económicas para pagalos pode achegarse ao concello e solicitar un aprazamento do mesmo, xusto o que queremos evitarlle @s veciñ@s con esta proposta, sinalan desde o BNG, e aclaran:

  1. Que a veciñanza con dificultades económicas que chega afogada a fin de mes, non teña que pedir aprazamentos ou fraccionamento para poder facer fronte ás súas débedas tributarias, o que tamén lles supón isto ter que pagar un recibo máis abultado debido ao abono de intereses.
     
  2. Que esta veciñanza non teña que pasar por trámites administrativos incómodos mentras espera unha resolución do concello, o que supón tamén para o persoal municipal unha carga de traballo que se evitaría coa aprobación deste Plan, apuntaron desde o BNG. Outros dos argumentos empregados polo concelleiro foi as dificultades técnicas para poñelo a andar, ao que a interventora respondeu, a petición da representante do BNG Míriam Bermúdez, que podería poñerse a funcionar nun prazo de entre 3 e 6 meses. Así mesmo, o Concelleiro de Facenda aludiu ao suposto engorro de ter que elaborar unha nova ordenanza e á sobrecarga de traballo que suporía a súa implantación.

 

Míriam Bermúdez, a portavoz municipal do BNG asegurou na súa intervención, que o Plan Tributario Personalizado era un instrumento legal que daría as veciñas e veciños de Viveiro a máxima facilidade posíbel para o pago das súas obrigas tributarias coa facenda local, ao tratarse dun sistema especial, que permitiría realizar ingresos á conta para o pago dos recibos, podendo decidir cada veciña ou empresa os prazos e as cantidades que mellor se axustaran as súas necesidades. Durante a defensa da moción insistiu que o goberno e corporación municipal tiñan, entre outras, a obriga de contribuír a aliviar a economía das familias de Viveiro poñendo a súa disposición instrumentos legais como era o Plan de Pagos Personalizado de Impostos Municipais implantados xa desde hai anos, tanto en concellos de Galiza como do estado español.

A proposta d@s nacionalistas, que contou co apoio dos Populares e a abstención de Por e Son Viveiro, non saíu adiante pola negativa do PSOE, que non quixo seguir o exemplo doutras entidades locais que sí o teñen implantado, a pesares de recoñecer o mesmo Concelleiro de Facenda que eses concellos "estaban a anos luz de Viveiro", postura do PSOE na que parecen querer que Viveiro continúe atrasado durante moitos anos máis, sentenciou Míriam Bermúdez.

O BNG e a súa portavoz municipal, lamentan a pasividade e desgana do goberrno socialista que veñen de amosar todos estes anos polo traballo municipal, así como a súa falta de vontade para axudar a aliviar a economía das familias e a mellorar a propia economía do concello. Están convencidas que co deseño e posta en marcha deste Plan de pago, no que se estabelecía unha bonificación do 3% na cota íntegra dos impostos, conseguiríase un impacto positivo tanto sobre a Facenda Municipal, que contaría con maior liquidez sen recorrer a vía do financiamento externo ou a créditos que suporían o pago de intereses, como sobre xs veciñxs con obrigas tributarias que verían reducida a contía final cun 3% de desconto, pagos tales como, entre outros, o IBI, IAE, IVTM, taxa pola prestación do servizo de recollida de lixo e RSU.

O PSOE de Viveiro en contra de facilitarlle o pago de impostos á veciñanza
comentarios