Preguntamos no parlamento sobre a situación do saneamento da ría e o presidente de Augas da Galiza botalle a culpa ao Concello de Viveiro

Olalla Rodil, deputada provincial do Bng
Olalla Rodil, deputada provincial do Bng

Xs nacionalistas de Viveiro pediremos explicacións á alcaldesa de porqué non remitiron dende hai anos a documentación requerida para contar co informe favorábel de Costas, necesaria para iniciar as obras de mellora no saneamento da ría de Viveiro.

Preguntamos no parlamento sobre a situación do saneamento da ría e o presidente de Augas da Galiza botalle a culpa ao Concello de Viveiro

A deputada parlamentar do BNG, Olalla Rodil, levou este xoves á Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos do Parlamento Galego a preocupante situación do Saneamento da Ría de Viveiro, na que esixiu ao Goberno do PP que cumprira as súas promesas tal e como se comprometeran en Viveiro, Feixóo e a conselleira Beatriz Mato, durante a campaña eleitoral das autonómicas do 2016, asinando un convenio para acometer as obras de saneamento e a mellora da EDAR. A día de hoxe, 18 meses despois, non foron quen de arrancar ningunha das tres fases previstas: Primeira, construción dun novo bombeo con depósito de retención; segundo, optimizar a EDAR e por último, mellorar o saneamento de Celeiro.

A deputada do BNG pola provincia de Lugo denunciou na Comisión de Medio Ambiente que, por mor dos incumprimentos reiterados do PP, Viveiro segue sen unha correcta depuración de augas, a ría segue sen estar saneada e este concello segue a incumprir a normativa da Unión Europea que establece que, a partir do ano 2000, ningunha localidade con máis de 15.000 habitantes pode verter ao mar augas residuais sen sanear.

Pola súa parte o Director de Augas de Galiza, recoñeceulle á deputada do BNG que nin tan sequera teñen licitado as obras anunciadas en 2016, negou calquera responsabilidade do goberno deste polo retraso e botou balóns fóra culpando ao "maremagnum" de administracións que teñen que intervir para acometer as actuacións e sobre todo ao goberno do concello de Viveiro, por non remitir desde hai anos a documentación requerida para contar co informe favorábel da Dirección Xeral de Costas necesario para iniciar as obras. Iso sí, asegurou que están traballando na “redacción e licitación” dun proxecto de mellora para as liñas de tratamento das augas da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR), e que teñen previsto executalo no 2018.

Escoitando as respostas do Director da empresa pública Augas de Galicia, está claro que a estratexia do Partido Popular segue a ser a do “escapismo”, asegura a responsábel do BNG de Viveiro, estratexia que por outra parte non serve para facer que se cumpran os prazos que marca o Programa Operativo de Fondos Feder 20016-2020, fondos os cales financian o 80% (2,4 millóns de euros) das obras de saneamento e que vemos perigar, aínda máis se cabe, logo de escoitar as respostas do goberno de Feixóo ás preguntas da nosa deputada parlamentar.

Podedes ver a intervención completa a partires do minuto 2:20:00 do seguinte link:
http://mediateca.parlamentodegalicia.gal/library/items/comision-2-ordenacion-territorial-obras-publicas-medio-ambiente-servizos-2018-03-22