Posición do BNG sobre a Conta Xeral 2019 do Concello de Viveiro

Posición do BNG sobre a Conta Xeral 2019 do Concello de Viveiro

Como ben di no seu informe a interventora municipal, a Conta Xeral é o instrumento que teñen os gobernos para cumprir a obriga formal de render contas e, efectivamente, podemos dicir que grazas a este mecanismo de control, e non á vontade e disposición deste goberno municipal, tanto os grupos da oposición como a veciñanza podemos coñecer o uso e destino que se lle da aos fondos públicos que saen dos impostos de todas as nosas veciñas e veciños.

É de agradecer a existencia destes instrumentos legais que obrigan aos gobernos a ser transparentes aínda que sexa en tempo pretérito, se ben a necesidade de ter que botar a man desta ferramenta para poder coñecer, entre outros, os datos económicos e presupostarios deste concello é o reflexo da falta de cultura democrática e participativa ao que nos ten acostumados o goberno do PSOE de Viveiro, que non é quen de avanzar na transparencia da súa xestión e que é incapaz de aceptar a implicación e participación veciñal na política municipal.

De aí a negativa deste goberno, unha e outra vez, a pesares das reiteradas peticións do BNG, a impulsar a elaboración dun proxecto de orzamento municipal participativo. Negouse no 2019 e volveu a negarse hai escasos meses neste ano 2020. Queda claro pois que a sra. alcaldesa, convocou o pleno de novembro non por ser un goberno máis transparente e participativo que ningún outro goberno municipal de Galiza, senón que o fixo sinxelamente porque a lei a obriga. E mencionamos isto, por se se lle olvidou mencionalo á alcaldesa durante unha desas tantas entrevistas e comunicados que fai aos medios de comunicación que pagamos entre todas as veciñas e veciños.

Esta foto-fixa en cifras e que reflexa o que o Goberno de María Loureiro fixo ao longo do 2019 pon en evidencia un ano máis a ausencia dun proxecto de futuro para Viveiro e a inexistencia de políticas municipais que poñen en valor esa transparencia da que tanto presume e da que moito carece a xestión municipal da sra. alcaldesa:

  • como demostra a falta de convocatorias públicas de programas de subvencións dirixidas a entidades culturais, deportivas, veciñais e outro tecido asociativo do concello, onde se regulen os requisitos necesarios para acceder, por exemplo aos 240 mil euros que o concello repartiu no exercicio 2019 en concepto de axudas directas, así como cales son os criterios de baremación para a concesión das mesmas. 
     

  • Ou como se evidencia nas contratacións feitas polo concello durante o exercicio 2019, que do total de contratos adxudicados por valor de 6,9 millóns de euros o 52% dos mesmos foron adxudicacións directas, exactamente 3,6 millóns de euros, mentras que polo procedemento aberto o concello adxudicou menos da metade, uns 2,6 millóns de euros. Polo tanto, que o 52% das contratacións dunha administración pública se adxudiquen directamente non é precisamente como para poñerse ningunha medalla á transparencia da xestión pública.
     

Pero esta conta Xeral non reflexa só a necesidade dunha maior transparencia na acción política municipal senón que tamén reflexa o que vimos advertíndolle nos últimos meses desde o BNG: a falta de persoal en servizos clave do concello e as repercursións negativas no desenvolvemento do traballo e na prestación de servizos desta administración, tales como sinala a interventora municipal no seu informe :

  • “A efectos de control financeiro débese auditar a empresa municipal Aparcamentos a Mariña SL e dado os escasos medios persoais e materiais do concello, faise mediante contratación externa”.
     

  • "O módulo de gastos plurianuais non foi implantado no exercicio 2019 debido á falta de medios persoais, baixas por enfermidade e acumulación de tarefas coas incidencias nos expedentes de contratación de gasto".
     

  • "Infórmase que a carga de traballo existente e a insuficiencia de medios persoais e materiais, baixa por enfermidade e demais circunstancias laborais imposibilitaron a realización do informe anual de fiscalización plena posterior que deberá unirse á Conta Xeral para a súa tramitación como un estado máis dela, así como o Plan anual de control financeiro, a auditoría do rexistro de facturas e da conta 413”. 
     

Así mesmo, un ano máis volve a advertir a interventora da necesidade de actualizar o Inventario de Bens do Concello, que segue sendo o do ano 2002. E a todo isto, temos que sumarlle que o Concello de Viveiro, de 163 empregadas e empregados que ten de media, según datos da propia memoria da Conta Xeral, so 27 son funcionarios con praza, 13 funcionariado interino e os restantes 123 son a maioría laboral temporal, co cal podemos dicir case sen temor a equivocarnos que o concello de Viveiro é a administración da provincia con maior índice de inestabilidade laboral, situación que provoca a merma na calidade dos servizos públicos e atrasos na xestión administrativa e para exemplos temos os que se recollen mesmo na memoria da Conta Xeral, se ben todas aquí poderíamos enumerar outros moitos, pero como di o refraneiro, para mostra un botón: diga vostede alcaldesa, como pode unha administración local ofrecer servizos públicos esenciais de calidade á súa veciñanza a través da súa xestión indirecta/privada con contratos caducos e pendentes de licitarse desde hai máis de dous anos, como é o caso da xestión do servizo público de RSU e do Punto limpo que xestiona a empresa CESPA,SA, o tratamento e valorización de residuos voluminosos que se lle adxudicara no seu día à empresa UTRAMIC, SL, ou a xestión da Axuda no Fogar coa empresa Servizos Sociais San Roque, SL.

Pero a Conta Xeral do goberno municipal de Viveiro fálanos tamén de cales son as prioridades do goberno e a conta do 2019 volve a reflictir, un ano máis, un goberno máis interesado en gastar en atencións protocolarias e en publicidade e propaganda, nas que gastou uns 155 mil euros, 30 mil euros máis que no 2018, que en actuacións por exemplo de carácter económico como son: o sector do agro, gandeiría e pesca (onde so gastou 2.141 euros), a protección de consumidores e usuarios (ao que non se lle dedicou nin un só euro): a sociedade da información -innovación tecnolóxica- (onde se gastou a simbólica cifra de 7.044,49 euros).

Pretenden vendernos unha xestión modélica presentando unha Conta que amosa a estabilidade presupostaria do Concello á que obriga a todos os concellos a Lei de Montoro, agora de Sánchez, e que se traduce nun testimuñal superavit de 25,07 euros por viveirense, mentras que pola contra, nos advirte que hai un endebedamento municipal de 12.788.231,39 de euros, o que supón un endebedamento por cada veciña e veciño de Viveiro de 876,28 euros.

Por outra banda, resulta un tanto preocupante que, por un lado, a Conta Xeral reflicta o incumprimento da regra de gasto nun 6,35% por enriba do permitido (677.334,93 euros) según marca a lei de estabilidade orzamentaria de Montoro, e sen embargo, ao mesmo tempo, e por segundo ano consecutivo a Conta Xeral reflicta o mínimo esforzo inversor feito pola alcaldesa e o seu goberno, un raquítico 7% do orzamento en gasto en inversións, o que equivale a uns 61,65 euros investidos por veciñx. Un esforzo inversor raquítico no 2018 e no 2019 que veñen de baixar até a cifra escandalosamente ridícula de 0,98% para o exercicio 2020, o que evidencia claramente que as prioridades do goberno do PSOE de Viveiro non son nin van ser os investimentos reais en infraestruturas, equipamentos, mobiliario e elementos de transporte que servirían para axudar a mellorar o día a día da veciñanza e a mellorar a competitividade das empresas implantadas no noso concello. Mesmo se permitiron deixar de gastar en investimentos no 2019 máis de 500 mil euros.

Está claro pois que esta Conta Xeral que nos trouxo a alcaldesa pon de manifesto, xa non a falta dun proxecto de futuro para Viveiro, senón a inexistencia dun proxecto de goberno, a falta de vontade de avanzar na transparencia da xestión municipal e a mala calidade na prestación de servizos á veciñanza.

Un goberno que se toma demasiado á lixeira a responsabilidade de gobernar e de xestionar de xeito eficiente e transparente os recursos, tanto económicos como os humanos e patrimoniais, cos que conta esta administración local e que se empeña en manter a Viveiro nun perigoso bucle sen saída e sen rumbo definido sen ter en conta a maioría da veciñanza na súa xestión municipal, como comprenderá a alcaldesa, non pode contar co apoio do BNG polo que o sentido do noso voto a esta Conta Xeral é de abstención.

E xa para rematar e co convencemento de que a perseverancia do BNG pode dar os seus froitos recordámoslle a María Loureiro, como xa se lle recordou no pleno de debate do orzamento 2020, a necesidade urxente de poñerse a traballar nun verdadeiro proxecto de orzamento municipal que axude á recuperación da economía local de Viveiro co fin de poder traballar cos novos presupostos desde o 1 de xaneiro de 2021 e non volvamos a atoparnos en novembro sen os seus deberes feitos, obrigando, unha vez máis, aos servizos administrativos do concello a traballar cun orzamento prorrogado, e provocando con isto unha nova parálise e colapso na xestión da administración local, cuxos ùnic@s e grandes perxudicad@s volverían a ser as veciñas e veciños de Viveiro e a actividade económica local.

Posición do BNG sobre a Conta Xeral 2019 do Concello de Viveiro
comentarios