Opinión: Quen ten a culpa do retraso no saneamento da Ría de Viveiro?

Artigo de opinión por Seve Salgueiro, membro do BNG de Viveiro.

Opinión: Quen ten a culpa do retraso no saneamento da Ría de Viveiro?

O vindeiro xoves, o BNG organizará na Eurocámara unha xornada sobre a “Execución dos fondos europeos para o saneamento de auga en Galiza”, e eu Seve Salgueiro, participarei nestas xornadas en Bruxelas representando ao BNG de Viveiro, amosando a nosa preocupación polo perigo de perda dos 2,7 millóns destinados ao saneamento de Viveiro, procedentes dos Fondos FEDER Galicia 2014-2020 debido á súa falta de execución en prazo; e denunciado os reiterados verquidos na nosa ría incumprindo a normativa europea sobre augas residuais.

O incumprimento no noso Concello dos obxetivos da Directiva Marco da Auga a das Directivas europeas sobre tratamento de augas resuduais urbanas, levou a UE a denunciar ao estado Español ante o Tribunal de Xustiza en 2010. Isto motivou que o goberno de Feijoo anunciara unha inversión de 5 millóns de euros para a mellora do saneamento en Viveiro, reducidos sen vergoña nen explicacións a 3 millóns en setembro de 2016. Daquela, Xunta e Concello asinan o convenio “Mellora dos sistemas de saneamento e depuración da Ría de Viveiro”, que se prevía executar en tres anos. A actuación estaría cofinanciada nun 80% pola UE dentro do “Programa FEDER Galicia 2014-2020”, fondos que hoxe están en perigo de perderse.

O convenio indica que o Concello ten que dispoñer dos terreos e permisos necesarios para a execución, e o goberno municipal foi incapaz de logralo 2 anos e medio despois: falta de entendemento con Augas de Galiza, trabas de Costas do Estado… foron as razóns expostas polo goberno municipal. Motivos que amosaron algo máis de claridade tras a pregunta no Parlamento Galego da deputada do BNG, Olalla Rodil, no que o Director de Augas de Galiza dí non dispor de autorización de Costas ata que se retire o emisario roto, trámite que debe xestionar o Concello.

O grave perxuizo medioambiental e económico que as diferentes administracións están causando a Viveiro e á veciñanza (por outro lado, pagando cánon de saneamento), deberían ser motivo de explicacións sen rodeos. Volver sentar na mesma mesa aos asinantes do Convenio e respostar á veciñanza sen pasarse a pelota: quen ten a culpa do retraso? cando van executar as obras? Que pasa se caduca a financiación da UE? Vaise valorar e reparar o dano medioambiental e económico de anos de verquidos?

A situación do saneamento de Viveiro esixe, sen dúbida, dunha serie de actuacións urxentes e resolutivas que deteñan a degradación que está a sufrir a nosa ría. O saneamento e a calidade da auga é primordial non só pola importancia medioambiental e na saúde, tamén para a actividade pesqueira e marisqueira.

A actividade do BNG neste asunto foi continuo, rexistrando en xuño de 2017 unha petición de información sobre o estado do convenio asinado por Concello e Xunta de Galiza, sen obter resposta do Goberno Municipal. Ademais de formular cuestións no Parlamento Galego e Europeo, realizouse un mural reivindicativo e unha recollida de sinaturas na que participaron unha treintena de colectivos viveirenses. A miña participación nesta semana nas xornadas sobre a auga no Parlamento Europeo, xunto coa eurodiputada polo BNG, Ana Miranda, será unha nova oportunidade para esixir solucións, amosar as nosa preocupación (e seguro que da maioría da veciñanza), e deixar ben claro novamente que “A RÍA NON É UN VERTEDOIRO”.

Atte. Seve Salgueiro.

comentarios