Opinión: Alcoa, axudas públicas e modernización.

Artigo de opinión por Míriam Bermúdez, portavoz do BNG de Viveiro.
Opinión: Alcoa, axudas públicas e modernización.

Nos últimos tempos estamos a ver como Galiza se convirte nun deserto industrial que como non, tamén afecta á industria electrointensiva e ao seu amplo número de postos de traballo, que tras meses de mobilizacións aínda non recibiron resposta en condicións, e o certo é, que estamos aínda lonxe de que a situación sexa satisfactoria e de que nos traten ás galegas e galegos como merecemos.

Os sinais de alarma na planta de Alcoa San Cibrao disparáronse dende o momento en que se decidiu parar 32 das 512 cubas, e que tras unha visita-fracaso da Ministra Reyes Maroto e o Presidente da Xunta Nuñez Feixóo, xa hai rumores de que ese número vaia aumentar en breve, en definitiva, son o mellor autorretrato da incapacidade e desinterese que teñen para resolver os problemas das galegas e galegos. Somos produtores e excedentarios en enerxía, tamén asumimos a contaminación desta produción eléctrica, e somos os galegos os peores parados en materia enerxética?

A actividade desta fábrica é o motor económico fundamental para esta comarca, e si para a súa subsistencia Alcoa precisa de axudas públicas, terán que ser coa condición de que modernicen a factoría. Non pode ser que cada certo tempo se lle entreguen axudas e se lle abaraten os prezos para mellorar a súa competividade, e que non se lle obrigue a invertir na fábrica de San Cibrao. Terán que ser axudas coa condición de que invistan en mantemento, modernización e melloras, tanto para a fábrica como nas condicións laborais da clase traballadora.

Dende o BNG insistiremos sempre na nosa demanda dunha tarifa eléctrica galega, que permitiría o aforro nos fogares galegos e gañar en competitividade nas nosas industrias, e tamén pedimos á Xunta de Galiza que asuma as súas responsabilidades coa industria galega e actúe máis alá de declaracións electoralistas. Que se deixen de vetar sistematicamente todas as propostas do BNG para abaratar a electricidade e traballen polo ben do país galego, estamos ante a peor crise industrial e non poden continuar botando balóns fóra cando Galiza o que precisa son solucións.

Por último, animar a todo Viveiro, a tod@s @s mariñans e en definitiva a toda a provincia de Lugo a acudir á manifestación convocada polo comité de empresa para o vindeiro día 3 en Viveiro. Alí nos vemos!

comentarios