O BNG de Viveiro propón a gravación dos plenos en video e a súa subida á web do Concello

Unha moción para avanzar na democratización e transparencia do concello.
O BNG de Viveiro propón a gravación dos plenos en video e a súa subida á web do Concello

A transparencia posibilita un certo control dos poderes públicos por parte da cidadanía e axuda a recobrar a confianza da cidadanía no traballo que desenvolvemos os responsábeis públicos e a mellorar a participación da veciñanza nos asuntos públicos, o que contribuirá a que avancemos na calidade democrática das institucións.

Desde o BNG cremos que o Goberno local, e quen se atopa a súa cabeza, deben adquirir conciencia non só da obriga legal de ser transparentes senón tamén, e o máis importante, das vantaxes que esa transparencia reportará ao noso propio concello, e que se traducirá, entre outras cousas, nunha mellora da eficiencia da súa xestión.

O BNG defende a transparencia da xestión pública como principio que nos achega a unha política máis ética, eficiente e inclusiva e como compromiso coa boa administración e a democracia, tal é así que no noso programa electoral, co que nos presentamos ás pasadas eleccións municipais de Viveiro, un dos seus principais bloques (avanzar na democratización do concello de Viveiro) xa recollía unha serie de medidas para acadar este obxectivo e se comprometía a contribuír a propiciar a participación da veciñanza.

Un destes mecanismos de participación propostos pola organización nacionalista, sendo como é o pleno o órgano de máxima representación política da veciñanza no goberno municipal, onde se debaten e aproban decisións de interese xeral do municipio e de grande transcendencia para a vida cotiá dxs veciñxs de Viveiro, era a de impulsar a emisión en directo das sesións plenarias á veciñanza a través de novas tecnoloxías (streaming, emisoras de radio on line, etc.) que estimule e facilite o acceso á información municipal e á participación da veciñanza nos plenos.

Por todo o anteriormente exposto, desde o BNG cremos que o concello ten que facer un esforzo por achegar á veciñanza de todas as parroquias de Viveiro aos plenos da corporación municipal para que teñan a oportunidade de escoitar os debates e acordos que se aproban neste órgano e que lles afectan directamente, servíndose das posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías, as cales permitirán colgar na web oficial do concello as gravacións das sesións plenarias sen que supoña un esforzo económico demasiado elevado para as arcas do concello, en tanto non se poda dotar o salón de plenos dos medios técnicos necesarios para a emisión en directo das sesións plenarias a través de internet.

Por todo o anteriormente exposto, o grupo municipal do BNG solicita ao pleno da corporación local a adopción do seguinte ACORDO:

  1. Instar á  sra. alcaldesa para que mediante a figura que estime oportuno resolva o necesario para que se proceda a gravar en audiovisual e ao completo as sesións plenarias.
     
  2. Que se autorice a calquera persoa presente á gravación, igualmente en audiovisual, das sesións plenarias.
     
  3. Habilitación na web oficial do Concello de Viveiro dun espazo facilmente visible onde aloxar as distintas gravacións coa finalidade de que calquera veciña ou veciño poda realizar as visualizacións que desexe de calquera dos plenos celebrados.
     
  4. Facilitar a participación das veciñas e veciños do concello de Viveiro a través da creación do escano da veciñanza.
comentarios