Néstor Rego reclamará no Congreso axudas para o sector pesqueiro da Mariña

Néstor Rego reclamará no Congreso axudas para o sector pesqueiro da Mariña

O BNG recolleu a profunda preocupación do sector pesqueiro da Mariña polo descenso da venda de peixe e a gran caída dos prezos como consecuencia da redución da demanda, especialmente polo cesamento da actividade na hostalaría e restauración. Isto incide na redución dos ingresos, mesmo dos barcos que mantiveron a actividade por ser considerada esencial, polo que o sector reclama medidas de apoio e axudas polo lucro cesante que compensen esas perdas.

Entre as primeiras, consideran fundamental o fomento do consumo dos produtos do mar, frescos e saudábeis, unha proposta que partilla enteiramente o BNG. “É necesario que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Xunta da Galiza se comprometan a realizar campañas que favorezan o consumo de peixe fresco” apuntaba Rego.

Ademais, o deputado nacionalista solicitará ao Goberno do Estado a atención ás reclamacións do sector e especificamente as modificacións que foren necesarias para que sexan de aplicación o uso dos fondos da Unión Europea, como o FEMP (Fondo Europeo Marítimo e da Pesca), para que persoas afectadas pola crise xerada como consecuencia da emerxencia sanitaria poidan percibir axudas que lles permitan sobrevivir e garantir os seus dereitos como profesionais do mar, até que se dean as condicións para desenvolver a actividade con normalidade.

Por outra parte, o BNG solicitará que se resolvan canto antes as dificultades actuais para o traslado de tripulacións. Tamén trasladará a petición do sector de declarar os pescadores como un colectivo sensíbel e solicitará medidas de protección e seguridade como abastecemento de tests de detección da COVID-19, “necesarios para poder embarcar con garantía e para poder realizar os relevos nas frotas que se encontran ou teñen que entrar a porto en terceiros países” explicou Rego.

“É fundamental que os barcos vaian equipados de máscaras, luvas e termómetros, ao ser material necesario para intentar garantir que non haxa contaxios nas frotas que operan en caladoiros afastados en que os tripulantes están maior tempo confinados e sen posibilidade de asistencia médica inmediata” apuntaba o deputado, que pedirá que se adopten as medidas e creación de mecanismos necesarios para garantir a asistencia médica e as repatriacións dos eventuais casos de contaxio abordo.


Esta reunión telemática contou cos representantes do sector pesqueiro da Mariña entre os que se atopaban: Basilio Otero, presidente da Federación Provincial de Confrarías e da Federación Nacional de Confrarías, Eduardo Miguez, xerente de Porto de Celeiro, Miguel Neira, xerente de ABSA, Sergio López, representante da OPP-07 e Tito Sixto, presidente de Adexmar. Tamén asistiron por parte do BNG a portavoz municipal en Viveiro, Miriam Bermúdez, a responsábel comarcal e alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, o tenente alcalde de Foz, Francisco Xavier Fanego, o responsábel de política municipal e organización, Antonio Veiga e o portavoz municipal de Burela, Mario Pillado.PORTOS

Néstor Rego reclamará no Congreso axudas para o sector pesqueiro da Mariña
comentarios