Moción para salvagardar os postos de traballo en Alcoa e auxiliares

Moción para salvagardar os postos de traballo en Alcoa e auxiliares

O 17 de outubro do pasado ano 2018, a empresa Alcoa anunciara aos cadros de persoal de A Coruña e Avilés así como publicamente, a intención de pechar as instalacións da empresa. Foron diversas as demandas dxs traballadorxs e os debates políticos arredor de como arbitrar unha saída que supoña o mantemento dos postos de traballo e da actividade industrial, ao considerar estratéxico o sector do aluminio. Unha preocupación e unha mobilización que se estendeu a Alcoa San Cibrao. 

Finalmente, consumouse a compra por parte do Grupo Parter o pasado 21 de xullo, dando un respiro a nove longos meses de angustia e preocupación. Porén, cómpre recordar tamén que isto non significaba tampouco a reactivación inmediata da produción nestas fábricas e que continúa a inestabilidade do sistema enerxético. Polo tanto, estes factores fan que a preocupación continúe sobre estas fábricas, sobre San Cibrao e sobre outras industrias galegas altamente dependentes da enerxía. 

Desde entón, téñense dado diferentes situacións que fan crecente a preocupación do BNG sobre a situación, máis concretamente a de San Cibrao. O pasado 21 de agosto o Comité de Empresa denunciaba, despois  dunha reunión co novo presidente de Alcoa no Estado Español, que a empresa mantén a parada das 32 cubas até o 23 de setembro, cuestión preocupante e que recorda á situación previa de A Coruña e Avilés. Así mesmo, o Comité de Empresa facía públicas unha serie de esixencias á Xunta de Galiza o pasado 23 de agosto. 

Para o BNG os indicios sinalados polo Comité e a incapacidade do Goberno do Estado en funcións para impulsar calquera mudanza no marco enerxético ou industrial deben ser motivos suficientes para que a Xunta de Galiza abandone tamén, a súa posición de deixadez e actúe máis alá das declaracións electoralistas que estamos acostumadas a escoitar de cotío.

Por todo isto, solicitamos ao Pleno da corporación municipal a adopción dos seguintes ACORDOS, co fin de demandar ao Goberno Estatal as seguintes medidas urxentes para paliar así a crise da industria electrointensiva galega:

  1. ​Aprobación inmediata do estatuto de electrointensivas tendo en conta as achegas do sector galego, coa inclusión dun paquete de medidas compensatorias polos atrasos antes do final de 2019.
     
  2. Planificación da substitución do sistema de poxa de interrumpibilidade por unha regulación estábel que permita prezos competitivos no sector con compromisos no mantemento do emprego.
     
  3. Consideración, no futuro sistema enerxético, do papel de produtor de Galiza, que deberá ser beneficiada no prezo a través dunha tarifa eléctrica galega que compense polos custes ambientais e sociais de soportar a xeración.
comentarios