Moción para un plan plurianual de mantemento, conservación e rehabilitación de estradas municipais

Moción para un plan plurianual de mantemento, conservación e rehabilitación de estradas municipais

As vías de comunicación representan un papel decisivo para o desenvolvemento económico dos concellos e a súa cohesión, integración e equilibrio territorial e, dentro destas, a rede de estradas municipais xogan un papel vital para a vertebración interna dos concellos e mesmo para a dinamización económica e crecemento do municipio, polo que se esta rede de estradas non está en condicións aceptábeis, é pouco probábel que as veciñas e veciños podan encarar unha situación de mellora económica e gozar dunha boa calidade de vida. Situación que está a padecer a veciñanza do concello de Viveiro debido ao avanzado estado de deterioro da súa rede viaria municipal e que supón un auténtico perigo, tanto para @s usuari@s que circulan co seu vehículo como a pé, sendo esta unha das principais preocupacións e que están a denunciar diariamente. Estradas e camiños veciñais que están nun estado de abandono; son estreitas, carecen de beiravías, a maior parte do ano sen limpar a maleza das súas marxes e sen traballos de limpeza das cunetas, contan con perigosas curvas e sen visibilidade, co firme cheo de fochancas...  tales como a estrada da parroquia de Covas que vai desde Suasbarras ás Pallaregas e a estrada que vai ao cemiterio parroquial, ocorre na estrada que atravesa a parrroquia de Vieiro e que conecta coa parroquia de Galdo, ocorre no vial que vai do Lombo ao Vilar que conecta as parroquias de Chavín e Boimente...

As obras de mantemento que ven desenvolvendo o Goberno de Viveiro nestes últimos anos evidencian que se fan sen ningún tipo de planificación nin programación de actuacións, carecendo de toda definición de obxectivos, de análise e de diagnose da súa rede viaria. Esta falta de planificación de actuacións e de previsión dos recursos, trae como resultado o lamentábel e perigoso estado da rede viaria municipal, inclusive naqueles tramos das vías onde o goberno municipal realizou recentemente actuacións que evidencian a provisionalidade das obras e fai das mesmas un mero parcheo sen futuro algún, posto que as masas asfálticas están sendo levantadas en curtos prazos de tempo co paso dos vehículos.

A día de hoxe o Concello de Viveiro gobernado polo PSOE, non conta nin cun plan que contemple a execución planificada de traballos de mantemento correctivo, de mellora do firme e de rehabilitación da súa rede viaria, nin cun plan de traballos de mantemento preventivo que contemple a limpeza das beiravías, limpeza dos sinais verticais, mantemento de barreiras de contención vehicular ou, entre outros, a limpeza das marxes de todas as estradas da súa titularidade.

Desde o Bloque Nacionalista Galego cremos que para alcalzar os obxectibos fixados e poder realizar adecuadamente as actividades de mantemento, conservación e rehabilitación, débese contar con políticas convenientemente estruturadas, onde o goberno municipal formule os obxectivos xerais perseguidos a curto, medio e longo prazo (diminución dos custos do transporte, mellorar a seguridade da circulación, eliminación de desequilibrios na rede, etc.) e a maneira de obter os recursos necesarios para acadar eses obxectivos. Para @s nacionalistas un bo estado de conservación das estradas locais tamén supón un beneficio medioambiental engadido, conlevando como resultado menos emisións dos vehículos, maiores niveis de seguridade, menos conxestión, menor tempo de transporte e un menor consumo de combustíbel.

No BNG de Viveiro apostamos por unha política municipal en infraestruturas viarias que se apoie nun Plan de mantemento, conservación e rehabilitación da súa rede viaria, articulado a través duns programas concretos de actuación a realizar nos vindeiros anos para a consecución dos seguintes obxectivos:

  • Conformar unha rede viaria municipal máis segura.
  • Favorecer a cohesión e vertebración do territorio municipal de Viveiro.
  • Potenciar a mobilidade e conexión entre os núcleos urbanos e rurais.
  • Mellorar a accesibilidade das zonas do concello máis alonxadas e de máis difícil acceso.
  • Lograr unha xestión máis eficiente da rede viaria municipal.
  • Conseguir un óptimo aproveitamento dos recursos que redunde nun mellor servizo.

Para asegurar o éxito deste Plan, a organización nacionalista considera de vital importancia que o Goberno Municipal poña en marcha:

  • Dispoñer de recursos suficientes e constantes no tempo para asegurar unha correcta labor de conservación das infraestruturas, posto que de nada serve que se invista unha grande suma de diñeiro para a mellora do firme dunha estrada se nos anos posteriores non se leva un control do seu estado.
     
  • Contar cunha boa planificación que:
    1) Realice unha diagnose do estado actual da rede viaria municipal.
    2) Estabeleza as actuacións a desenvolver por orde de prioridade, en función de criterios obxectivos recollidos no Plan e de acordo ao tipo de programa e traballos a realizar.
    3) Elabore unha calendario de obras de conservación, rehabilitación e traballos de mantemento a realizar en cada unha das estradas da rede viaria municipal, estabelecendo un cronograma de execución das mesmas e recollendo os importes orzamentarios por actuación.

     
  • Contar cunha boa xestión que sexa capaz de implementar os seguintes programas de actuación:
    1) Programa de mantemento e axuda á vialidade. Realizarase labores rutinarias na rede de estradas que se repiten anualmente, como son os traballos de vixiancia e limpeza.
    2) Programa de Conservación periódica. Realizarase naquela estrada que requira traballos de conservación, como o estendido de novas capas de firmes.
    3) Programa de Rehabilitación. Realizarase naquela estrada que precise a reconstrución parcial ou total do soporte estrutural dos elementos.


Por todo o anteriormente exposto, o Grupo Municipal do BNG solicita ao pleno da corporación local a adopción do seguinte ACORDO:
 

  1. Aprobación da elaboración e posta en marcha dun Plan Plurianual de Mantemento, Conservación e Rehabilitación da rede de estradas de titularidade municipal do Concello de Viveiro, no que se implementarán os programas de Mantemento e axuda a vialidade. Programa de Conservación Periódica e Programa de Rehabilitación, que incluirá na súa planificación a diagnose do estado actual da rede viaria municipal, as actuacións a desenvolver por orde de prioridade e calendario de obras a executar.
     
  2. Creación do grupo de programa presupostario XXX Plan de Mantemento, Conservación e Rehabilitación da rede de estradas de titularidade municipal, a integrar no estado de gastos do orzamento xeral para o 2020 cun crédito inicial do 2% do orzamento municipal do exercicio 2020.
     
  3. Destinar o 50% dos fondos correspondentes ao programa de investimentos do Plan Único 2020 da Deputación de Lugo que lle sexan asignados ao Concello de Viveiro, para as obras a desenvolver dentro dos programas de Conservación e Rehabilitación do Plan Plurianual de Mantemento, Conservación e Rehabilitación da rede de estradas de titularidade municipal.
     
  4. Búsqueda de recursos económicos para suplementar o grupo de programa presupostario recollido no punto 2, a través de liñas de axudas e da colaboración e cooperación doutras administracións públicas.
Moción para un plan plurianual de mantemento, conservación e rehabilitación de estradas municipais
comentarios