Presentada no concello unha moción para declarar persoas non gratas aos compoñentes de "A Manada"

O caso da Manada é o cumio do iceberg e debemos aproveitalo para visibilizar os centos de casos anónimos que suceden ao noso arredor con moita máis frecuencia da que nos pensamos

Presentada no concello unha moción para declarar persoas non gratas aos compoñentes de "A Manada"

O pasado venres, 21 de xuño, a Audiencia Provincial de Iruña acordou pór en liberdade aos cinco agresores (violadores), autodenominados “A Manada”, condenados por ter sometido a unha moza de 18 anos a reiterados actos sexuais, por parte de todos eles, en contra da súa vontade e facendo uso da súa condición de superioridade: numérica, física e de idade, durante os Sanfermíns do 2016.

Estes feitos foron cualificados xuridicamente como abusos sexuais por parte do mentado tribunal que lle levou a condenar a 9 anos de prisión aos acusados. Que vén de completarse coa decisión de non prorrogarlles a prisión preventiva ante a gravidade do sucedido, polo que dende o venres 22 de xuño están na rúa. O tribunal emprega argumentacións difíciles de entender por parte da sociedade en xeral como se ten demostrado na rúa, e polo movemento feminista, en concreto.

É coñecido e notorio que A Manada non ten amosado o máis mínimo arrepentimento pola súa aborrecida pero habitual práctica. De feito, os cinco teñen defendido publicamente o seu desprezo pola vítima e sitúan o acontecido nun plano de normalización, elevando o sucedido a consentimento, a pesar de que ninguén o entende.

E como reacciona o Tribunal? Acordando que aos agresores deben manterse a 500 km de distancia da vítima. En definitiva, coa súa decisión, os maxistrados confinan á moza nunha suposta furna de cristal, e permite a libre deambulación dos condenados por todas partes do territorio que consideren. Nesta situación, cabería preguntarse, pois logo, quen é o condenado: a vítima ou os seus agresores?

Non está demais lembrar que as Corporacións municipais son a expresión do mandato cidadá, e á marxe quedaríamos da sociedade se non recollemos o clamor da rúa, o pensar e sentir de miles de mulleres e homes, ante a inxusta resolución a esta situación tan grave, que vai contra a liberdade de máis do 50% da poboación deste Estado: as mulleres.

Non só apoiamos todas as mobilizacións convocadas; rubricamos todos os manifestos e colaboramos en todas accións de rexeitamento que se teñan ou se vaian organizar, canalizando, a través dos instrumentos democráticos, ese clamor cidadá. Chegou o momento de dar un paso máis, e que sexan as Corporacións Locais as que, de motu propio, poñan o seu gran de area na denuncia desta inxustiza social e sumarse, por iniciativa propia, ao berro cidadá polo caso da Manada.

É necesario e urxente o entendemento da xustiza e a sociedade en temas tan sensíbeis; e con este feito, trasladamos a solidariedade e arroupo á vítima, para que non se sinta nin culpábel, nin sinalada nin condeada.

O caso da Manada é o cumio do iceberg e debemos aproveitalo para visibilizar os centos de casos anónimos que suceden ao noso arredor con moita máis frecuencia da que nos pensamos; e por parte de homes que non están enfermos. Que saiban todas as vítimas anómimas que estamos con elas e que non nos doen menos. E que todas e todos entendamos que o silencio nos condena.

 

Polo anteriormente exposto, no BNG de Viveiro solicita ao Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte:

 

  1. A declaración de persoas non gratas a:

    • José Ángel Prenda Martínez

    • Alfonso Jesús Cabezuelo Entrena

    • Jesús Escudero Domínguez

    • Ángel Boza Florido

    • Antonio Manuel Guerrero Escudero

  2. Dar traslado deste acordo plenario á representación legal dos cinco condenados a nove anos de prisión pola agresión sexual xulgada na Audiencia Provincial de Iruña.

  3. Dar traslado deste acordo plenario  á representación legal da vítima para que sexa coñecedora do apoio real que ten.