Moción para baixar a siniestralidade en Cantarrana

Moción para baixar a siniestralidade en Cantarrana

A LU-862 é a estrada mariñá na cal estes últimos anos se veñen rexistrando maior número de accidentes, sendo os sinistros e atropelos no seu tramo ao paso pola parroquia de Covas parte xa da crónica diaria de sucesos dos medios de comunicación local. Esta travesía é especialmente delicada polo denso tráfico que soporta, numerosas interseccións e áreas de estacionamento; ademais de ser unha estrada que atravesa zonas de alta densidade residencial, comercial (en especial hostalería) e unha zona escolar.

Para a formación nacionalista a elevada siniestralidade da LU-862, á marxe das posíbeis distraccións dos viandantes e condutores, débese principalmente ao elevado tránsito que rexistra este vial, ao non contar cunha variante por mor do incumprimento reiterado do goberno da Xunta de Galicia con esta comarca desde hai máis dunha década, e que non é outra que a construcción dunha alternativa á LU-862 denominada como CG-2.3, ou sexa, a tan nomeada "Vía de Alta Capacidade da Costa Norte" ou "Vía de Altas Prestacións da Costa Norte", proxecto que se plantexara no seu día como unha “compensación” ao trazado final da Transcantábrica (A8) desviada á Comarca chairega, deixando as Comarcas da Mariña Occidental e Ortegal, até o día de hoxe, cunhas vías de comunicación deficientes, perigosas e con trazados antigos que atravesan numerosos núcleos urbanos, como o da parroquia de Covas.

Míriam Bermúdez considera que: "o concello non pode seguir permanecendo impasíbel ante os continuos accidentes e atropelos que se dan neste vial ao seu paso pola parroquia de Covas, non se entende como o Goberno Municipal do PSOE mira cara outro lado ante a ausencia de adopción de medidas que melloren a seguridade vial nesta zona, anunciadas pola Xunta no 2017, e que a día de hoxe o Goberno Autonómico ten sen executar, nin executou o reforzo da sinalización nin os prometidos limitadores de velocidade. Medidas estas, por outro lado, necesarias pero insuficientes para solucionar un problema de seguridade vial desta envergadura."

O elevado número de vehículos que circulan por esta zona provocan notábeis retencións de tráfico á altura do centro de Covas, que se rexistran cada vez de xeito máis habitual. Se a isto lle unimos os aparcadoiros en batería “de fronte”, situados nun dos laterais da estrada onde os coches teñen que maniobrar marcha atrás invadindo a estrada co consecuente risco para a circulación, está claro que tanto os viandantes coma os vehículos que teñen que circular por esta travesía fano en condicións incómodas e pouco seguras, facendo deste tramo un punto de alto risco tal e como indica a alta concentración de sinistros que se veñen producindo. Desde o BNG recordan que a finais do ano 2017 os representantes dos hostaleiros e veciñanza de Covas, xa reclamaran ao goberno municipal a sinalización na travesía de Covas dos aparcamentos en espiga para que os vehículos estacionados saíran de fronte ao vial, tal e como recomendan ademais as normas de seguridade, e mesmo desde o BNG viveirense sumáramonos a esta petición, co cal se lograría con esta medida complementaria que houbese menor risco de accidentes ao contar con maior visibilidades xs condutorxs e melloraría ao mesmo tempo a seguridade dxs viandantes da zona.  

Por outra banda e entanto a Xunta non constrúa a prometida alternativa á LU-862 capaz de rebaixar a afluencia de tráfico no centro de Covas, outra das medidas complementarias que xs nacionalistas consideran que pode contribuír a mellorar a seguridade dxs viandantes e peóns neste tramo de Covas, é a de contar con zonas habilitadas como aparcadoiros fóra da travesía, para o cal xs nacionalistas vemos viábel a posta en marcha dun sistema de xestión de solares privados para utilizalos como aparcadoiros públicos provisionais como medida de seguridade para rebaixar a afluencia de tráfico na LU-862 ao seu paso por Covas. 

A experiencia na aplicación deste sistema de xestión, que veñen desenvolvendo desde hai anos concellos como o de Carballo, Ribadeo ou, entre outros, Verín, é positiva e está a dar bos resultados para a veciñanza, polo que desde o BNG cremos que  a alcaldesa debería iniciar conversas cos titulares de solares privados dispoñíbeis na parroquia de Covas para ofrecerlles a posibilidade de ceder o uso dos seus solares ao concello, a través dun contrato comodato (artigo 1932 CC), co único obxecto de acondicionalos como aparcadoiros públicos e así aumentar os espazos de estacionamento na zona centro de Covas, desconxestionando así a travesía de Covas e mellorando a fluidez da circulación na devandita travesía, contribuíndo ao mesmo tempo a rebaixar o grado de sinistralidade nesta zona de alto risco, á marxe do incremento de prazas de aparcadoiro que  suporía a aplicación desta medida e que favorecería ao comercio, hostalaría, veciñanza e visitantes.
 

Por todo o anteriormente exposto, o grupo municipal do BNG solicita ao pleno da corporación local a adopción do seguinte

ACORDO:

  1. Que o Goberno Municipal reclame ao organismo competente á realización dun estudo da estrada LU-862 ao seu paso por Cantarrana, no que se estabelezan as mellores medidas para reducir a cero a siniestralidade na mesma e a dotación orzamentaria necesaria para o seu desenvolvemento.
     
  2. Que o Goberno Municipal inste á Consellería de Infraestruturas á execución do Plan de mellora da seguridade no vial LU-862 á altura de Covas anunciado no ano 2017, incluíndo ademais neste plan a modificación dos aparcadoiros para distribuílos en espiga na travesía de Covas e así os vehículos estacionados saían de fronte ao víal.
     
  3. Que o goberno municipal poña en marcha un sistema de xestión de solares privados dispoñíbeis na zona de Covas para utilizalos como aparcadoiros públicos provisionais, a través do comodato ou préstamo de uso.
Moción para baixar a siniestralidade en Cantarrana
comentarios