Moción en apoio ás reivindicacións do feminismo galego con motivo do 8M

Moción en apoio ás reivindicacións do feminismo galego con motivo do 8M

Segundo un informe do colectivo de técnicos do Ministerio de Facenda (Gestha) a fenda salarial entre homes e mulleres sitúase en Galiza en 4.572 €. Entre 2005 e 2018 a fenda salarial aumentou na comunidade galega en 55 €, mentres que no Estado Español descendeu máis de 600 €. As diferenzas de soldo entre uns e outras non deixaron de aumentar desde 2015, a pesar de que entre 2005 e 2015 reducísense un 16%. En total, nos tres últimos exercicios a fenda incrementouse en 279 €. Os técnicos de Facenda estiman que as mulleres terían que cobrar un 28,6% máis para igualar o soldo dos homes, tal e como demostran os últimos datos da Axencia Tributaria. Os técnicos de Facenda calculan que, a este ritmo, farían falta 105 anos para pechar a fenda no estado. 

Desde o BNG entendemos que lles corresponde ás institucións escoitar e recoñecer os debates que o feminismo galego está a colocar na axenda social e comprometer os nosos esforzos en corrixir as desigualdades que permanecen na Galiza de 2020. Os recortes que se aplicaron desde as administracións galega e estatal derivan no infrafinanciamento de moitos servizos públicos e esta situación tradúcese, moitas veces, na precariedade destes servizos e das persoas que traballan neles, como é o caso do Servizo de Axuda no Fogar. 

É, ademais, un ámbito non suficientemente investigado e estudado mais que é evidente que ten un gran impacto na economía, que sería insostíbel sen esa achega non remunerada. Cómpre lembrar, por exemplo, que o valor xerado polas actividades no ámbito doméstico representaría o 50,6% do PIB de Galiza segundo a última Conta Satélite publicada no ano 2013 respecto do ano 2010 e con base 2008. 

O 8 de marzo, día internacional da muller, reivindica e visibiliza a loita das mulleres polos seus dereitos, participación e recoñecemento, en pé de igualdade cos homes, na sociedade e no seu desenvolvemento íntegro como persoa. Proposta herdeira de feministas como Clara Zetkin que en 1910 impulsaron tal data e que posteriormente foi institucionalizada polas Nacións Unidas en 1975. 

O vindeiro 8M o feminismo galego fará historia novamente, como xa fixo nos anos 2018 e 2019 cunha folga histórica. Baixo o lema “Sen coidados non hai vida. Mudando o sistema, derrubando o patriarcado” están convocados diversos actos preparatorios, unha manifestación nacional, que xa tivo lugar o pasado 1 de marzo en Verín e numerosas convocatorias locais e comarcais para a propia xornada do 8M. 

Con esta campaña, o feminismo galego sitúa os coidados no centro do debate e as consecuencias para as mulleres galegas do sistema económico, social e político en que vivimos. A invisibilización dos traballos de coidados, a feminización da pobreza, as violencias machistas ou a falla de liberdade nas identidades sexuais e/ou expresións de xénero son algúns dos síntomas de subordinación social á que se ven sometidas en todas as esferas da vida e fai ineludíbel tomar todos os espazos que tamén lles pertencen: ás rúas, as institucións, os centros de traballo ou estudo, os espazos culturais etc. 

Por todas estas razóns, este 8M cómpre recoñecer o traballo do feminismo galego e contribuír desde esta institución a combater a precarización de servizos de coidados ocupados maioritariamente por mulleres, e a dar visibilidade ao que supón no noso sistema económico e social a contribución do traballo invisible dos coidados como paso necesario para construír unha nova orde social que supere o patriarcado.

Polo que en virtude de todo o exposto, o grupo municipal do BNG de Viveiro, solicita ao pleno da corporación local a adopción do seguinte:
 

  1. Recoñecer e apoiar as convocatorias do feminismo galego autoorganizado que neste 2020 colocan no centro do debate os coidados e as consecuencias para as mulleres galegas do sistema económico, social e político no que vivimos, que non podería sosterse sen coidados que se desenvolven en moitas ocasións de forma gratuíta ou a través da precarización de moitas mulleres, comprometéndose a traballar para que os poderes públicos contribúan a superar esta situación. 
     
  2. Demandar da Xunta de Galiza a asunción dos programas relativos á dependencia para garantir a súa prestación universal e en igualdade para todas as persoas usuarias sen que iso dependa do Concello de residencia. 
     
  3. Demandar da Xunta de Galiza o seu compromiso coa realización de estudos periódicos sobre o valor social e económico do traballo do fogar e do coidado.
Moción en apoio ás reivindicacións do feminismo galego con motivo do 8M
comentarios