Moción en apoio ás reivindicacións das mobilizacións á folga feminista do vindeiro 8M para a súa aprobación en pleno

Miriam Bermúdez demanda da sociedade e dos poderes públicos unha resposta máis contundente contra a ofensiva patriarcal do momento, xa que é innegábel que despois dunha época de expansión dos dereitos das mulleres e de avance na igualdade, agora estamos a vivir unha forte ofensiva patriarcal

Moción en apoio ás reivindicacións das mobilizacións á folga feminista do vindeiro 8M para a súa aprobación en pleno

O BNG de Viveiro ven de entregar no rexistro do concello de Viveiro, unha proposta de moción sobre o 8M para que sexa tomada en consideración pola alcaldesa e a introduza no vindeiro pleno para o seu debate e aprobación. Os acontecementos e debates arredor deste histórico 8M, sitúan un desafío político de primeira orde, onde temos que poñer todos os nosos instrumentos e capacidades tamén desde os poderes públicos, apunta a vicerresponsable do BNG Miriam Bermúdez.

Dende o BNG ven moi preocupante a ofensiva reaccionaria e patriarcal impulsada pola dereita que ten, entre outras ameazas, o intento de cuestionar a violencia machista e a de romper os consensos aos que se tiña chegado sobre os dereitos da mulleres. Unha ofensiva que tamén afecta, recalca Miriam, aos nosos corpos e á decisión que temos sobre eles impulsando os ventres de alugueiro ou falando de políticas de aumento de natalidade sen que as mulleres poidan pronunciarse, situándoas como mercadoría e como obxecto. 

A vicerresponsable do BNG demanda da sociedade e dos poderes públicos unha resposta máis contundente contra a ofensiva patriarcal do momento, xa que é innegábel que despois dunha época de expansión dos dereitos das mulleres e de avance na igualdade, agora esteñamos a vivir unha forte ofensiva patriarcal, e mentres que a violencia machista continúa asasinando mulleres, o tan aplaudido Pacto de Estado contra a violencia machista non trouxo un impulso de mudanzas lexislativas e de compromisos orzamentarios suficientes. Nin tampouco o goberno galego é permeábel a comprometerse con saltos cualitativos que supoñan cumprir e desenvolver o sinalado na aínda hoxe pioneira lei galega de 2007.

Por todo isto dende o BNG de Viveiro chamamos a toda a veciñanza e forzas políticas a sumar a prol das iniciativas do movemento feminista galego, que desde o espazo colectivo Galegas 8M, se está a traballar no impulso dunha manifestación nacional o vindeiro 3 de marzo en Lugo e nas diferentes mobilizacións e actividades do propio 8 de marzo, e @s nacionalistas viveirenses pídenlle aos membros da corporacion municipal que sexan valentes e demostren o seu compromiso coa defensa da igualdade dos dereitos da muller e na loita contra a violencia de xénero, manifestando:

  • A favor do recoñecemento e apoio a Galegas 8M e á convocatoria de manifestación nacional do 3M e o 8M.
  • Desaprobar a Xunta de Galiza por ter actuado de forma incorrecta o pasado 8 de marzo de 2018, onde vulnerou o dereito fundamental de folga ao non ter impulsado unha rectificación das súas políticas, que contribúen á permanencia da desigualdade.
  • Así como o compromiso contra as ameazas de retrocesos en materia de dereitos, de forma especial en canto á violencia machista, ó dereito ao aborto e á permisividade ou legalización dos ventres de alugueiro.
comentarios