Que medidas tomará o Goberno Municipal de Viveiro contra o impacto do catastrazo?

Que medidas tomará o Goberno Municipal de Viveiro contra o impacto do catastrazo?

Desde finais de 2011, nada máis chegar ao poder Rajoy, o goberno do Partido Popular aprobou o castastrazo rural, a través do RD-Lei 20/2011 de medidas urxentes en materia presupostaria, tributaria e financeira para a corrección do déficit público, no que entre as medidas contempladas se recollía a suba do IBI, coñecida como contribución de vivendas. No 2012, o goberno do PP continuou coa política de control fiscal sobre as rendas inferiores máis desprovistas en canto á capacidade de asesoramento e defensa ante a Facenda, aprobando a Lei 16/2012. Unha norma continuadora da política fiscal emprendida desde a chegada ao Goberno central do PP, que se caracterizou por realizar subas xeneralizadas nos impostos que pagan as maiorías sociais, consumándose con esta lei un segundo catastrazo ao recoller un proceso de regularización catastral dirixido sobre todo a bens situados en solo rústico, que nunha boa parte de casos son anexos ou instalacións asociadas á actividade agrogandeira (palleiras, galpóns, cabanas de leña, establos, galiñeiros, etc.).

As arcas municipais dos concellos, con independencia das súas cores políticas, estanse vendo favorecidas coa aplicación desta política fiscal meramente recaudatoria, como é o caso do Concello de Viveiro, onde a súa veciñanza está sendo, algunha xa foi, requirida para a unha actualización catastral (coñecida popularmente como o catastrazo) dos seus bens onde, moitos dos cales (palleiras, galpóns, cabanas de leña, establos, alpendre, invernadeiros…) estaban exentos até o de agora de tributar, pero que con esta actualización catastral conlevará ao pagamento dunha taxa de 60€ por cada alta no Catastro, e ademais implicará un aumento exponencial do valor catastral do inmoble revisado e, polo tanto, incrementará tamén a base impoñíbel do IBI. Revisión que tamén pode ter repercusión indirecta noutros impostos (IRPF, plusvalía municipal, sucesións) e mesmo incluso en subvencións públicas como as becas escolares dado que teñen módulos patrimoniais referenciados no catastro como límites obxectivos para accederen á ditas axudas.

As consecuencias da regularización catastral que está a levar a cabo o órgano dependente do Ministerio español de Facenda (Dirección Xeral do Catastro) no termo municipal de Viveiro non só vai obrigar a tributar a partir de agora polos bens e instalacións de natureza agrícola que polo de agora estaban exentas, senón que @s afectad@s, que van ver elevado o valor catastral das súas vivendas e inmóbeis, en especial no rural, non só terán que pagar tres veces máis polo IBI anual, senón que o concello pode reclamaralles o pago da contribución deses inmóbeis, até o de agora exentos, con carácter retroactivo, catro anos para atrás, supoñendo isto unha forte merma na economía de moitas familias e moit@s pensionistas afectad@s.

O malestar que se nos trasladou por parte da veciñanza afectada non só está motivado polas "notificacións anómalas", deixadas nos buzóns e por debaixo das portas de vivendas e cabanas, obviando o máis mínimo cauce legal que establece a Lei 39/2015 de Procedemento Administrativo Común das Admóns Públicas, senón que tamén e fundamentalmente pola total falta de información municipal ao respecto da obriga de dar de alta os inmóbeis de natureza agrogandeira, que entenden debería ser posto en coñecemento de toda a veciñanza, no seu día, polo goberno municipal para evitarlles agora ter que pagar un recibo coa liquidación destes bens pola suma total de catro anos para atrás.

A veciñanza afectada, critica tamén a ausencia dun servizo municipal específico de asesoramento catastral posto a disposición da veciñanza, de luns a venres, e durante todo o período de vixencia do proceso de regularización catastral. Cónstanos que a labor de información á veciñanza afectada é realizada con grande profesionalidade, como así nos fixeron saber @s afectad@s, por un único funcionario que está adscrito ao servizo do catastro municipal en horario de 9 a 14 e só durante tres días da semana, unha cousa absolutamente incomprensíbel, por outra banda, dado que xa no 2018 demandábamos desde o BNG a mellora e ampliación, entre outros, deste servizo municipal básico para a veciñanza.

É máis que evidente de que estamos perante un procedemento do Ministerio de Facenda absolutamente abusivo e inxusto, que se dirixe preferentemente sobre persoas con menor nivel de renda e que o sufren especialmente a veciñanza de concellos con menor dinamismo económico coma é o caso de Viveiro, e sobre todo que afecta a veciñas e veciños que teñen ou tiveron propiedades destinadas á actividade agrogandeira e a pensionistas.

Á vista dos efectos nocivos do catastrazo é verdade que moitos dos concellos onde se realizaron estas revisións catastrais foron receptivos a estabelecer reducións no tipo de gravamen (de até o 60%) e ou bonificacións (de até o 95%) da cota íntegra do IBI a favor de inmóbeis no que se desenvolven actividades económicas no eido agrogandeiro, comercial e de servizos, e que sexan declaradas de especial interese e utilidade municipal. Incluso hai concellos que modificaron a ordenanza municipal do IBI para, entre outros, aplicar unha bonificación de entre o 30 e 50% a pensionistas da agraria co obxecto de evitarlles que teñan que pagar o 100% do recibo por inmóbeis de natureza agraria en desuso.

Ante estes feitos expostos e dado que a lei prevé, cando se aproba unha revisión catastral colectiva e de carácter xeral, mecanismos de atenuación da suba do IBI, desde o BNG queremos que se nos dea resposta ás seguintes preguntas:
 

  1. O goberno municipal ten pensado adoptar medidas específicas para contrarrestrar o impacto do catastrazo que atenuen a subida brusca do IBI, tras a Revisión Catastral, e polo tanto os efectos nocivos que poda traer sobre os bens e as economías dxs viveirensxs?
     

  2. Se é así. Cales son esas medidas que van a pór en marcha?
     

  3. E se non é así. Comprométese o goberno municipal a traballar nunha comisión técnica para que os recibos do IBI dxs viveirensxs non sufran unha suba exponencial de golpe tras a revisión catastral e para o cal, se estude na mesma diferentes alternativas para a aplicación de bonificacións e ou gravámenes reducidos durante os anos que permite a Lei Reguladora de Facendas Locais?

Que medidas tomará o Goberno Municipal de Viveiro contra o impacto do catastrazo?
comentarios