María Loureiro en contra do Plan de Mellora de Estradas Municipais

María Loureiro en contra do Plan de Mellora de Estradas Municipais

A nosa moción presentada ao pleno da corporación municipal de Viveiro para poñer en marcha un Plan Plurianual de Mantemento, Conservación e Rehabilitación da rede de estradas de titularidade municipal, foi rexeitada de cheo polo goberno socialista que votou en contra, e non saíu adiante ao abstérense os grupos de Por e Son Viveiro.

Nesta moción propoñiamos destinar inicialmente a este Plan o 2% do orzamento municipal de 2020 e o 50% dos fondos correspondentes ao Programa de Investimentos do Plan Único 2020 da Deputación de Lugo, a través do cal pretendíamos que se levara a cabo unha análise do estado actual da rede viaria municipal, a planificación das actuacións nas estradas municipais a desenvolver por orde de prioridade e tipo de actuación (mantemento, conservación ou rehabilitación), e o estabelecemento dun calendario de obras para executar a partir do 2020. Todo isto co obxecto de que Viveiro puidera contar cunha rede de estradas municipal en óptimo estado, entendendo, que isto é vital tanto para mellorar a seguranza, as condicións de circulación e a mobilidade da veciñanza, como para a vertebración interna do concello e a dinamización económica e crecemento de Viveiro.

O goberno socialista rexeitou o Plan que propuxemos desde o BNG, tras asegurar a rexidora viveirense María Loureiro, que no PSOE contaban cun programa de goberno avalado pola veciñanza e que xa tiñan o seu propio plan de arranxo de estradas. A nosa portavoz municipal Míriam Bermúdez, dubida de que alguén, á marxe da propia alcaldesa, coñeza o programa de goberno que están a desenvolver os socialistas e do plan de estradas de Loureiro, posto que as obras de mantemento que vén desenvolvendo o seu goberno nas vías municipais nestes últimos anos, saltan á vista de que son sen ningún tipo de planificación nin programación de actuacións, que carecen de toda definición de obxectivos e de análise e diagnose da rede viaria local. "Una falta de planificación que trouxo como resultado", denuncia Bermúdez, "o lamentábel e perigoso estado actual da rede viaria municipal, inclusive naqueles tramos das vías onde o goberno municipal realizou recentemente actuacións, que evidencian a provisionalidade das obras e fai das mesmas un mero parcheo sen futuro algún."

Miriam Bermúdez lamenta que o PSOE se negue unha vez máis a aprobar actuacións que axudarían a mellorar a vida da veciñanza como nesta ocasión, que coa posta en marcha dun Plan de mellora das estradas municipais, evitariamos o estado actual de abandono das nosas estradas que carecen de beiravías, son estreitas, con cunetas sen limpar, con perigosas curvas sen visibilidade e un firme cheo de fochancas, tal e como lles ocorre á veciñanza de Covas que camiña e circula pola estrada que vai desde Suasbarras ás Pallaregas.

No BNG non imos a renunciar a este Plan, así como tampouco a outras actuacións prioritarias para xs veciñxs de Viveiro, e anticipamos que o Plan será posto enriba da mesa novamente durante o debate do proxecto de orzamento de 2020. Proxecto que segue sen coñecerse a día de hoxe, a pesares de afirmar publicamente no mes de outubro a alcaldesa que xa estaban traballando nel.

 

comentarios