Iniciativas do BNG para o pleno de setembro

Iniciativas do BNG para o pleno de setembro

O mércores 4 de setembro será o vindeiro pleno da corporación municipal de Viveiro. Este é un resumo das iniciativas que levamos da man da nosa portavoz municipal Míriam Bermúdez:

 

Mocións:

  • Moción para a gravación dos plenos en video e a súa subida á web do Concello, para que a veciñanza teñan a oportunidade de escoitar os debates e acordos que se aproban neste órgano e que lles afectan directamente, servíndose das posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías sen que supoña un esforzo económico demasiado elevado para as arcas do concello.
     
  • Moción para a elaboración dunha Ordenanza de Protección Contra a Contaminación Acústica na que se limiten as actividades xeradoras de ruído nocturno e se declaren as rúas máis conflitivas do casco histórico “zona acústicamente saturada” e intervir para mellorar a calidade acústica medioambiental nas mesmas. A existente normativa municipal está totalmente desactualizada, como é a Ordenanza Municipal de Policía e Bo Goberno do ano 1996, e non permite actuar fronte aos graves problemas de convivencia.

     

Rogos e preguntas:

  • Preguntaremos si no Concello de Viveiro existe algún plan para combater a avespa velutina, entendendo que a presenza da avespa asiática non é so un problema agropecuario ou gandeiro, senón que é unha ameaza á saúde pública e ao equilibrio medioambiental, e sobretodo polos numerosos incidentes e accidentes sufridos por traballadorxs e veciñanza de Viveiro polos ataques das velutinas.
     
  • Proporemos a instalación de marquesiñas en diferentes puntos de Celeiro, un deles nos bancos situados ao carón do CEIP de Celeiro, para dar solución ás necesidades da veciñanza deste barrio e que sirvan tamén de amparo ante a choiva para as nais e pais que levan ás crianzas á escola. E dous puntos máis, para dar resgardo ás usuarias e usuarios que collen o autobús como medio de transporte, un na parada de bus situada ao carón da gasolineira de Celeiro e outro en fronte á Escola de Idiomas.

 

comentarios