A habitabilidade nos cascos de Viveiro será posíbel cando o PSOE cumpra co acordado e desenvolva as medidas propostas polo BNG

A habitabilidade nos cascos de Viveiro será posíbel cando o PSOE cumpra co acordado e desenvolva as medidas propostas polo BNG

O BNG de Viveiro recórdalle ao Goberno Municipal do PSOE, que segue sen pór en marcha as medidas aprobadas no pleno de setembro de 2019 propostas polo BNG na súa moción para protexer e revitalizar os cascos urbanos de Viveiro. Medidas que, segundo criterio d@s nacionalistas son, aínda que non únicas, "imprescindíbeis se queremos que Viveiro sexa unha vila habitábel, saudábel, segura, integradora e limpa", apuntou a súa portavoz municipal, Míriam Bermúdez.

A concelleira nacionalista asegurou que: "a elaboración da ordenanza de Protección Contra a Contaminación Acústica e Actos Incívicos na que se limiten as actividades xeradoras de ruído nocturno e se declaren as rúas máis conflitivas dos cascos “zonas acústicamente saturadas” para intervir na mellora da calidade acústica medioambiental nas mesmas, unha das sete medidas propostas polo BNG e aprobadas en pleno, é vital para regular unhas normas básicas de convivencia e respecto entre a comunidade veciñal, o que evitará graves perxuízos na calidade de vida e saúde d@s residentes dos cascos para que este problema de convivencia non continúe expulsando @s veciñ@s destas zonas residenciais, provocando que os cascos do concello esmorezan pouco a pouco ao ir ficando sen habitantes e coas casas baleiras e abandonadas, tal e como está a suceder no casco de Viveiro, como tamén nos cascos de Celeiro e Covas."

Polo que desde o BNG emprazan á alcaldesa a presentar nos vindeiros días unha proposta en firme da Ordenanza de Protección Contra a Contaminación Acústica e Actos Incívicos de Viveiro, posto que de nada ou moi pouco serve que se convoque unha liña de subvencións se a veciñanza non pode vivir segura e tranquila na súa vivenda. Subvencións, como ben anunciou a alcaldesa, para a rexeneración e renovación urbana no marco do Plan Estatal de Rehabilitación Edificatoria 2018-2021, á que se poden acoller os propietari@s das vivendas do casco histórico de Viveiro. Axudas que desde logo no BNG valoramos positivamente e desexamos ademais, que esta nova convocatoria facilite á veciñanza a súa participación animando aos posíbeis beneficiari@s a acollerse a este programa en moita maior medida que nas anteriores convocatorias, cuxos prazos de presentación tiveron que ser ampliados polo Concello de Viveiro debido ao escaso número de solicitantes.

Desde o BNG recordan que as outras seis medidas aprobadas polo pleno da proposta do BNG para evitar que os cascos urbanos de Viveiro se convirtan en cascos decadentes, sen vida e sen dinamismo, e que a día de hoxe seguen sen poñer en marcha desde o Goberno Municipal do PSOE son:
 

  • Promover e facilitar a apertura de negocios que desenvolvan actividades comerciais e económicas compatíbeis coa habitabilidade dos cascos.
     
  • Planificar e ordenar os usos dos edificios dos cascos.
     
  • Dotar a Viveiro de espazos culturais que garantan que a veciñanza de todas as idades poda disfrutar da música nos locais adaptados para tal uso.
     
  • Habilitar espazos públicos, coa protección e vixiancia necesaria, para as xuntanzas de esparcemento da mocidade.
     
  • Pór en marcha campañas de concienciación da mocidade do uso responsábel dos espazos públicos. 
     
  • Publicación na páxina web do concello da listaxe de locais de hostalería autorizadas e tipos de licencias concedidas (bar, cafetería, café, restaurante, café-bar especial, pub...) para darlle máxima transparencia das licencias outorgadas aos locais de ocio nocturno.
comentarios