Solicitamos ao concello a declaración institucional para conmemorar o 24 de febreiro, día de Rosalía de Castro

A recuperación literaria e lingüística de Galiza ten unha enorme débeda coa súa obra, que desafiou a sociedade do seu tempo a través dun discurso de defensa da terra, da lingua e da súa xente, en especial das mulleres.

Solicitamos ao concello a declaración institucional para conmemorar o 24 de febreiro, día de Rosalía de Castro

O 24 de febreiro de 2018 cúmprense 181 anos do nacemento de Rosalía de Castro, a escritora máis representativa e universal da lingua e da literatura galega. Foi ela quen iniciou o proceso de recuperación do uso do galego co obxectivo de lle devolver a dignidade ao noso idioma cando fora excluído dos usos cultos e escritos. A publicación do seu libro Cantares Gallegos, o primeiro escrito integramente en galego, sinala o comezo da restauración do uso escrito do noso idioma e o final de séculos de silencio e esquecemento.

Por todo isto, e seguindo as directrices dunha convocatoria xa consolidada pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), solicitamos á alcadesa de Viveiro que leve no seguinte pleno a declaración institucional para conmemorar o 24 de febreiro, día de Rosalia De Castro, promovendo o coñecemento da súa obra e do seu compromiso coa lingua, coas mulleres e co país.

Cómpre aproveitar a reivindicación desta data para estendela ao longo de todo o mes de febreiro con firme e inequívoco compromiso co idioma, sumando todos os esforzos posíbeis para continuar o camiño que Rosalía iniciou para o galego ata convertela na lingua na que nos expresamos.