Para cando a Fibra Óptica no Polígono Industrial de Landrove e no rural de Viveiro?

Para cando a Fibra Óptica no Polígono Industrial de Landrove e no rural de Viveiro?

O Polígono de Landrove parece estar condenado a sufrir os problemas das comunicacións. De todos é coñecido o seu problema de acceso a nivel de estradas; pero pouco se fala do seu problema comunicativo a nivel dixital. Esta zona, como o resto do rural de Viveiro, teñen unha carencia importante no acceso a internet cuns niveis adecuados de velocidade.

Dotar estas zonas de banda ancha de alta velocidade axudaría ás empresas e autónomos a desenrolarse a nivel competitivo, mellorando a economía e o emprego do concello, evitando a despoboación do noso rural e a emigración.

Desta necesidade e dos seus beneficios da conta a Unión Europea, cando no 2010 estabeleceu que no 2020 xa debe existir unha banda ancha de máis de 30 Mbps en todos os rincóns dos seus estados membros; e tamén cando o pasado 10 de decembro aprobaba unha axuda pública de 400 millóns de euros para levar a banda ancha de alta velocidade ás zonas rurais do estado español, a executar entre o 2020 e o 2022.

Antes do 1 de xaneiro do 2020, as grandes operadoras están obrigadas a proporcionar unha cobertura que permita o acceso á velocidade de 30 Mbps ou superior ao 90% dos habitantes nos municipios rurais.

É por todo isto que o BNG preguntará ao equipo de goberno no próximo pleno:

  • O equipo de goberno fixo algún estudo ou recompilou algunha información sobre as zonas de Viveiro con necesidade de acceso a internet con banda ancha rápida?
  • Ten algunha información sobre a previsión da instalación de fibra óptica no Polígono de Landrove?
  • Que tipo de actuacións está a realizar o equipo de goberno para solucionar esta problemática?