O BNG de Viveiro rexistra unha moción para adecentar a zona de Verxeles

O BNG de Viveiro rexistra unha moción para adecentar a zona de Verxeles

A zona de Verxeles representa un dos barrios máis transitados en torno ao núcleo do concello de Viveiro, xa que as rúas e travesías que a conforman, comunican o Camiño Vello coa Avenida de Xunqueira, polo que diariamente se utilizan como paso e tamén pola gran cantidade de veciñas e veciños que residen na zona, un gran número de habitantes debido a edificacións como as xa coñecidas "Torres de Verxeles" ou as que se foron construíndo de xeito colindante durante os últimos 20 anos. 

As obras de mantemento que vén desenvolvendo nestes últimos anos o Concello de Viveiro nestas rúas é evidente que son sen ningún tipo de planificación nin programación, carecendo de toda definición de obxectivos e dunha análise e diagnose da súa rede viaria. Esta falta de planificación de actuacións e de previsión dos recursos necesarios para proceder ao axeitado e racional tratamento das deficiencias detectadas en cada unha delas, trae como resultado o lamentábel e perigoso estado das calzadas e beirarrúas, totalmente irregulares e desgastadas, que evidencian a provisionalidade das obras facendo das mesmas un mero parcheo sen futuro algún, posto que a masa asfáltica está sendo levantada en curto prazo de tempo co paso de vehículos.

Se a iso se lle suma a inclinación que ten a rúa Verxeles, o resultado é unha problemática na accesibilidade que están a padecer a veciñanza que, debido ao avanzado estado de deterioro, supón un auténtico perigo tanto para @s usuari@s que circulan por elas para acceder ás súas residencias e garaxes (xa que o desgaste do solo conleva que os vehículos rasquen os fondos ao acceder ao interior), como para a veciñanza que se ve obrigada a transitar polas mesmas diariamente.

O BNG de Viveiro considera prioritaria a rehabilitación das rúas de Verxeles, xa que falamos de rúas que son intransitábeis por persoas con mobilidade reducida e/ou con discapacidade visual. Unha cuestión moi grave en pleno século XXI. Polo que agardamos que o equipo de goberno mostre a súa disposición a solventar esta situación coa mesma prioridade coa que creou a marca "Viveiro inclúe" no pasado mes de febreiro.

Por todo o anteriormente exposto, o grupo municipal do BNG solicita ao pleno da corporación local a adopción do seguinte ACORDO:

1. Que o Goberno Municipal reclame ao organismo competente á realización dun estudo para a rehabilitación integral (calzadas, beirarrúas, aparcamentos…) das seguintes rúas municipais:

  • Rúa Verxeles
  • Camiño real

  • Rúa Vello

  • Travesía Verxeles
     

2. Búsqueda de recursos económicos a través de liñas de axudas e da colaboración e cooperación doutras administracións públicas, para plans e actuacións que melloren a accesibilidade e mobilidade das citadas rúas, e para a súa rehabilitación.

O BNG de Viveiro rexistra unha moción para adecentar a zona de Verxeles
comentarios