O BNG de Viveiro insta ao SERGAS a dotar de dúas equipas médicas completas no PAC de Viveiro

Tamén exixen ao SERGAS a cobertura de todas as ausencias​​ e consideran que é básico rescatar a sanidade pública da Mariña e dignificar a Atención Primaria para garantir un servizo básico de calidade e proximidade.

O BNG de Viveiro insta ao SERGAS a dotar de dúas equipas médicas completas no PAC de Viveiro

O BNG de Viveiro denuncia o deterioro da sanidade pública en Viveiro pola “cruel política” de recortes e privatizacións do PP que pon en risco a saúde das persoas, como demostrou o tráxico incidente do PAC da Estrada do 4 de agosto onde faleceu unha persoa sen recibir atención sanitaria porque non había ningún médico no centro de urxencias.

PAC DE VIVEIRO

Propón un plan de mellora da atención primaria que garanta dúas equipas completas con persoal médico e de enfermería os 365 días do ano no centro de Urxencias de Viveiro -que atende ao Concello de Viveiro, O Vicedo e Ourol- e non só de venres a domingo como na actualidade.

"Por poboación, dispersión xeográfica, distancia ao centro hospitalario de referencia e tendo en conta que na Mariña só existe unha ambulancia medicalizada con base en Foz é necesario contar con dúas equipas todo o ano para garantir unha asistencia de calidade", afirman.

ATENCIÓN ORDINARIA.

Dende a fronte nacionalista ​insisten e exixen ao SERGAS a cobertura de todas as ausencias​​ e consideran que “é básico rescatar a sanidade pública da Mariña e dignificar a Atención Primaria para garantir un servizo básico de calidade e proximidade fronte a un goberno que pretende convertela nun privilexio”.

A decisión política de non substituír ao persoal cando está de vacacións, de baixa por enfermidade, por xubilación ou por outros motivos, ​o que está a ter como consecuencia a masificación de consultas, redución de profesionais sanitarios, precariedade laboral, aumento das listas de espera mesmo para ir á consulta de medicina de familia.