O BNG de Viveiro exixe ao Concello e a Xunta que acometan medidas de seguranza en San Lázaro

Dende o BNG respaldamos as xustas demandas da veciñanza e que é o momento, aproveitando as obras no Pirixel, para acometer estas medidas de seguridade e non ter que lamentar desgrazas persoais.

O BNG de Viveiro exixe ao Concello e a Xunta que acometan medidas de seguranza en San Lázaro

O BNG de Viveiro mantivo este sábado unha xuntanza co Presidente de San Lázaro 18 para escoitar de primeira man ás reivindicacións da veciñanza, onde mostraron a súa inquedanza pola ausencia de medidas de seguridade na recta de San Lázaro reclamadas ao Concello e a Xunta, afirman. 

A veciñanza lembroulles os accidentes acontecidos por exceso de velocidade nos anos 2015, 2016 e 2017 acreditados con atestados policiais e que causan danos materiais contra vehículos aparcados e contra os contedores de lixo. Dixéronlles que non se acometerá medida algunha neste treito, "algo inadmisible e que ven a confirmar o desleixo da Alcaldía e da Xunta coas veciñas e veciños", manifestan.

As veciñas e veciños transmitíronlles aos membros do BNG de Viveiro as medidas solicitadas para garantir a seguridade e non ter que lamentar danos persoais: un novo firme na estrada, dispositivos reductores da velocidade co obxectivo de reducir as velocidades excesivas que se rexistran nesta vía, pasos peonís (inexistentes) e beirarrúas en ambos lados.

O BNG de Viveiro agarda que se escoite á veciñanza e que se tomen medidas neste tramo abandonado tanto pola Alcaldesa Maria Loureiro como pola Xunta do PP. Medidas que levan reclamando dende hai anos con escritos rexistrados e así non ter que lamentar, non só máis danos materiais, se non danos físicos as persoas e crianzas que viven en San Lázaro 14,16 e 18.

Asemade transmitíronlles que non queren ser veciños de segunda, que estan fartos de pagar impostos e ser ignorados por todas as administracións. Dende o BNG respaldamos as xustas demandas da veciñanza e que é o momento, aproveitando as obras no Pirixel, para acometer estas medidas de seguridade e non ter que lamentar desgrazas persoais. Tamén lamentan o oportunismo electoral da Alcaldesa Maria Loureiro e o PP sacándose a foto diante das vivendas sabendo que esa estrada non se ía arranxar, conclúen.